Pedro Mouriño, IberAtlantic: "A Xunta da Galiza non amosou ningún interese pola Sputnik V"

Pedro Mouriño

Pedro Mouriño Uzal (Compostela, 1974) é cónsul honorario de Rusia na Galiza e director executivo e primeiro accionista de IberAtlantic Global Corporation, a compañía galega escollida polo Fondo Soberano dependente do Goberno ruso para comercializar a vacina Sputnik V no Estado español e en Portugal. 

A día de hoxe a vacina Sputnik V dispénsanse xa en máis de 50 Estados de todo o mundo, cando cre que o seu uso será unha realidade no conxunto da UE?

A contestación non a teño eu, tena a Axencia Europea do Medicamento (EMA). En todo caso, o prazo estabelecido para a aprobación do uso da vacina Sputnik V na Unión Europea debe ser análogo ao empregado para as outras vacinas que están no mercado. No caso doutros fármacos contra o coronavirus autorizados pola vía de urxencia, como o de Pfizer, Moderna ou AstraZeneca, tardaron entre dous e tres meses, polo que todo fai pensar que ese será o tempo necesario para a aprobación da Sputnik V. Así e todo, hai unha gran diferenza co mes de xaneiro, xa que agora a nosa vacina está en máis de 50 países e con ela foron inmunizadas millóns de persoas sen problema ningún. 

O cambio de posición do Goberno alemán introduce novas posibilidades para a vacina en Europa. Como explica en termos xeoestratéxicos a disposición do Executivo de Merkel a abrir a porta á Sputnik V no seu territorio e no ámbito da UE?

Os aspectos xeoestratéxicos están moi condicionados polas dinámicas locais. Alemaña vai realizar eleccións en setembro, a CDU, o partido no Goberno, ten problemas no seu liderado pola decisión de Merkel de non presentarse e os novos dirixentes da formación non teñen a proxección dos anteriores. Ademais, hai a percepción na sociedade dunha mala xestión da pandemia e a sensación de que sen a vacina non hai alternativa no plano sanitario e económico. Neste sentido, na poboación alemá sorprende que os ritmos de vacinación de Hungría ou Serbia, onde se emprega a Sputnik V, sexan catro ou cinco veces superiores ao do seu país. 

A maiores, non debemos esquecer que Alemaña leva metendo presión á Comisión Europea desde xaneiro para que axilice a autorización desta vacina e agora acabóuselle a paciencia. O Goberno alemán, con esta decisión, tenta adiantar o seu calendario de inoculación e trasladar á opinión pública que non pode agardar polos tempos dos burócratas de Bruxelas. Sputnik V, neste escenario, é unha solución boa e rápida. 

Nesta nova conxuntura, marcada tamén polos problemas coa vacina de AstraZeneca, cal é a posición do Goberno español en relación coa solicitude do seu grupo, IberAtlantic, e de Zendal, de producir a vacina na Galiza e coa subministración da mesma no Estado?

Non o temos claro. O pasado 22 de febreiro dirixímoslle unha carta á ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, para expresar a nosa disposición a fabricar Sputnik V nos laboratorios de Zendal no Porriño e aínda non recibimos unha contestación. Por outra banda, estamos agardando por unha resposta do Executivo español a unha iniciativa do deputado do BNG, Néstor Rego, onde se lle pregunta polos seus plans en referencia ao uso da Sputnik V e da nosa proposta de producila na Galiza. En todo caso, a ministra de Sanidade ten afirmado que no suposto de que a EMA autorice o seu uso, será benvida. A día de hoxe, a súa posición non é clara pero en datas próximas deberá pronunciarse. 

Desde un punto de vista sanitario e racional, non hai motivo para non autorizala. Está en máis de 50 países, sen terse acreditado ningún efecto secundario e demostrando unha alta eficacia. Precisamos vacinas boas e sen efectos secundarios. Precisamos máis cantidade de vacinas. E adiantarse no calendario de vacinación é chave para a saúde e tamén para a reactivación económica.

Cando falan de fabricar Sputnik V na Galiza, a que capacidade de produción se refiren, a que áreas xeográficas iría destinada e cal sería o seu impacto en termos sanitarios e económicos no país?

Algúns dos aspectos que me pregunta son parte dos acordos de confidencialidade cos nosos socios e clientes. Direille que se trata dunha produción significativa, mais as cantidades e os mercados están por concretar. Por outra banda, este acordo situaría Zendal e a Galiza como un dos principais centros de produción de vacinas de Europa. 

O ideal sería que o acordo co Fondo Soberano ruso fose acompañado dunha transferencia de tecnoloxía, o que posibilitaría un pacto máis duradeiro. Pénsese que o Instituto Gamaleya é un centro de investigación punteiro en epidemioloxía e microbioloxía, que leva investigando os coronavirus desde 1953 e que, sen ir máis lonxe, en 2007, descubriu a única vacina que existe na actualidade para combater o ébola.

Soubemos dos contactos da súa empresa con diversos gobernos autonómicos e da disposición de varios mandatarios a botar man de Sputnik V para combater a pandemia. Cal é a posición da Xunta da Galiza?

Nós trasladamos á Xunta da Galiza distintas ofertas en relación coa Covid-19. Non só en relación coa vacina Sputnik V, senón tamén co antiviral Avifair, tamén desenvolvido polo Instituto Gamaleya, sen que manifestara ningún interese polos nosos produtos.

Os tópicos sobre Galiza chegan á vacina

O camiño de IberAtlantic Global Corporation e do grupo Zendal para producir a vacina  Sputnik V na Galiza non está ser a doado. Así, Pedro Mouriño recoñece a Nós Diario as resistencias iniciais a este produto e sinala que “ás veces, algúns medios de comunicación reputados que nos chaman non poden entender que a produción e a distribución da vacina para o Estado español e para Portugal corra a cargo dun grupo empresarial galego”. “Seguen existindo tópicos sobre a Galiza e algúns medios de comunicación e tamén algúns territorios teñen unha idea distorsionada arredor de nós, malia contar cunha clase empresarial moi dinámica e cun número de empresas pequenas, medianas e grandes moi preparadas para competir globalmente”, conclúe Mouriño.