Pedro Branco gaba os Premios Nacionais de Investigación: "O futuro da ciencia na Galiza ten rostro feminino"

Moisés Canle, Pedro Branco, Beatriz Pelaz, Verónica Bolón e María Rivas. (Foto: Nós Diario)
O delegado do Goberno español na Galiza felicita as tres mulleres que acadaron os galardóns na modalidade de investigadoras menores de 40 anos.

Pedro Branco recibiu esta cuarta feira as investigadoras recoñecidas cos Premios Nacionais de Investigación. O delegado do Goberno español na Galiza remarcou durante o encontro o peso cada vez maior do talento feminino na ciencia que se fai nos centros e organismos galegos. "O futuro da ciencia na Galiza ten rostro feminino", sinalou e así llelo trasladou a dúas das investigadoras de universidades galegas que foron distinguidas polo Ministerio de Ciencia e Innovación, a quen lles reiterou a aposta do Goberno pola ciencia e a tecnoloxía, con medidas lexislativas como a nova Lei de Ciencia e con máis convocatorias de axudas a investigadoras e mellor financiadas.

Branco, acompañado da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, reuniuse con Beatriz Pelaz e con Verónica Bolón, que, xunto con Cristina Blanco, foron galardoadas a semana pasada, dentro da modalidade de investigadoras menores de 40 anos.

Físicas, matemáticas e humanidades

Beatriz Pelaz foi premiada na modalidade 'Felisa Martín Bravo', referente nas ciencias físicas, dos materiais e da terra. É investigadora principal do Centro Singular en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e profesora titular da Universidade de Santiago de Compostela, onde codirixe o grupo BioNanoTools.

Verónica Bolón, que acudiu á reunión acompañada de Moisés Canle, vicerreitor Titulacións e Internacionalización da Universidade da Coruña (UDC), acadou o premio Nacional de Investigación na modalidade 'María Andresa Casamayor', referente nas matemáticas a as tecnoloxías da información e das comunicacións. É profesora titular no Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da UDC e investigadora no Centro de Investigación TIC (CITIC). A elas únese a investigadora Cristina Blanco Sío-López, premiada na modalidade 'María Moliner', referente nas humanidades.

Os Premios Nacionais de Investigación recoñecen o mérito daqueles investigadores e investigadoras, de nacionalidade española, que estean a realizar un labor destacado en campos científicos de relevancia internacional e que contribúan de forma significativa ao avance do coñecemento científico e ao progreso da Humanidade.

Pedro Branco lembrou que este ano o Ministerio de Ciencia incluíu por primeira vez medidas para fomentar a presentación de candidaturas equilibradas, que reflictan a realidade da ciencia en España, na que participan homes e mulleres.