Ourense

Pediatras do CHUO critican "a vulneración dos dereitos asistenciais de menores"

O persoal de Pediatría do CHUO alerta do desmantelamento do servizo na área sanitaria de Ourense. (Foto: Europa Press)
Prematuros ourensáns de menos de 30 semanas son derivados a Vigo.

A falla de pediatras déixase notar nos diferentes niveis da asistencia sanitaria. Mentres en Atención Primaria o seu número reduciuse en 30,5% nos últimos 17 anos, en Atención Especializada a cifra deste tipo de especialistas cae de maneira exponencial.

Os pediatras do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) veñen de denunciar diante da Valedora do Pobo “a vulneración dos dereitos sanitarios dos menores na nosa provincia e a retirada encuberta e sen ningunha información aos pais dos servizos sanitarios aos que teñen dereito, ademais do perigo que a mala organización e a sobrecarga dos profesionais supón para a asistencia de doentes atendidos no noso servizo”, segundo puido saber Nós Diario.

Baixas

Profesionais sanitarios quéixanse de que “desde o mes de febreiro hai unha xubilación e cinco baixas que se prevén de longa duración. As primeiras baixas e a xubilación foron previsíbeis, coñecíanse con antelación e producíronse antes de que os médicos internos residentes finalizasen a súa especialización este ano e, por tanto, nun momento no que existía dispoñibilidade de pediatras que buscaban ofertas de traballo. A Xerencia do noso centro decidiu, a pesar diso, non cubrir esas baixas”, explican.

A falla de pediatras afecta ao conxunto dos hospitais da área sanitaria de Ourense, porén ten unha incidencia maior nos centros de Verín e O Barco de Valdeorras, onde o proceso de centralización sanitaria favorece os recortes. Así, na referida denuncia sinálase que “posteriormente producíronse dúas baixas máis e un cese no hospital de Valdeorras, onde queda actualmente un único pediatra”. Segundo puido saber Nós Diario, o contexto non é mellor no hospital de Verín, desprazándose profesionais de Ourense para cubrir o servizo.

A falla de persoal impacta de fronte na calidade asistencial. Así, os pediatras do CHUO alertan da "eliminación total das consultas de subespecialidades, polo menos durante todo o verán e posteriormente por tempo indefinido”. Na mesma dirección, critican que “a Xerencia, en lugar de informar os doentes desta situación e buscar sistemas de derivación que garantan a asistencia, limítase a anular citas e a dicir falsamente ás familias que serán citadas proximamente. A realidade é que os pacientes pasan a unha 'caixa' de agarda sen previsión de nova data e sen ofertarlle outro tipo de solución para recibir atención”.

Derivación de prematuros

As crianzas prematuras de menos de 30 semanas da área sanitaria de Ourense levan meses sendo derivados aos centros hospitalarios de Vigo para recibir a asistencia precisa. A este respecto, os pediatras do CHUO afirman que “a propia Xerencia admitiu renunciar á atención de prematuros menores de 30 semanas, que serán derivados a outro centro, mais isto supón que haberá pais que sufrirán ingresos dos seus fillos durante máis de dous meses desprazados fóra da provincia, cando en Ourense existe unha unidade dotada para atendelos pero cos seus pediatras desprazados a outro centro”.

192 concellos fican sen pediatra

A ausencia de pediatras é unha realidade en todos os niveis sanitarios. Segundo o Instituto Galego de Estatística, os centros de saúde contaban en 2004 con 405 pediatras, e en 2021 con 318. Así, 192 concellos carecen de servizo de Pediatría, reducíndose o número de profesionais desta especialidade en 22,5% desde 2009, con 40% dos profesionais superando 55 anos e co 25% por riba de 60 anos.

De feito, o Sergas postergou en 2020 a xubilación a 20 pediatras de Atención Primaria por falla de persoas para cubrir as súas prazas. A situación está chamada a empeorar polo envellecemento dos profesionais desta especialidade. Tanto é así que 20 pediatras atópanse na faixa de idade entre 68 e 69 anos, superando 64 anos o 26% de todos os pediatras de Atención Primaria.