Sanidade pública

61 das 343 prazas de Pediatría nos centros de saúde galegos non están cubertas por pediatras

A xerente do Sergas defendera que "non pode haber un pediatra en cada centro de saúde". (Foto: Europa Press)

Case cinco de cada 100 prazas desta especialidade están directamente vacantes.

Até 17,7% das prazas de Pediatría ofertadas nos centros de saúde da Galiza non están cubertas por persoas especializadas nesta rama da medicina. Dentro desta porcentaxe, 4,6% corresponde a prazas que, directamente, están vacantes —16 de 343—, mentres outro 13,1% fai referencia a aquelas ocupadas por médicos de familia puericultores. Son datos ofrecidos este sábado pola presidenta da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria (Agapap), Amparo Rodríguez, na súa intervención para inaugurar a 16ª xuntanza de profesionais desta especialidade, decorrida na Cidade da Cultura de Santiago e á que asistiron máis dun centenar de pediatras.

Rodríguez precisou que, se ben "é certo que a Galiza non é das comunidades que están peor" no que atinxe ao servizo de Pediatría dentro do Estado español, "aumentaron as prazas vacantes sen ningún profesional asignado" no Sergas, polo que exixiu para as e os profesionais "condicións laborais xustas, horarios axeitados e unha carga de traballo que poidan asumir".

Inauguración da xuntanza das e dos profesionais de Pediatría da Atención Primaria galega.

"Se non melloramos as condicións en que desempeñamos o noso traballo non conseguiremos atraer novos profesionais ás consultas de Atención Primaria, nin pediatras nin médicos de familia", sinalou a presidenta da Agapap, para quen "os esforzos realizados nos últimos anos non supuxeron unha mellora" nas súas consultas e "todo quedou en meros documentos de traballo".

No acto tamén participou Susana Rey, presidenta da Sociedade de Pediatría da Galiza (Sopega), que demandou "un novo modelo de Pediatría coordinada e integrada, independentemente do ámbito no que se traballe", facendo especial fincapé no labor de "prevención e educación sanitaria" destes doutores e doutoras.

Previamente falara ante as persoas asistentes ao encontro a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, que ao pouco tempo de ser designada no cargo protagonizara unhas polémicas declaracións: "A xente ten que entender que seguramente non poderá haber un pediatra en cada centro de saúde". Isto é algo que, de feito, xa sofren 11.478 menores na Galiza, que non teñen a día de hoxe un pediatra asignado, segundo datos difundidos recentemente pola Asociación Española de Pediatría.

Na súa intervención deste sábado, López-Pardo salientou a "intención" do Goberno galego de "traballar para reforzar a formación dos especialistas, a fin de cubrir 100% das prazas", así como na "estabilización da Pediatría", ofrecendo "mellores" condicións laborais para "facela máis atractiva".

O reforzo do servizo de Pediatría nos ambulatorios do país é unha das reivindicacións da plataforma SOS Sanidade Pública, que a próxima cuarta feira, día 26, chama á mobilización nas rúas de diferentes municipios para defender a Atención Primaria.