Pediatras advirten dunha epidemia de virus respiratorios: piden calma, recursos e mellor planificación

A infeccións respiratorias colapsaron esta semana as consultas de pediatría do Porriño. (Foto: Nós Diario)
O Virus Respiratorio Sincitial é a día de hoxe o principal motivo de consulta nas urxencias pediátricas mais na Atención Primaria. Tras un par de anos practicamente desaparecido, volve amosar unha incidencia "típica" pero prematura que mantén os servizos de pediatría colapsados, tamén pola falta de profesionais.

Vicente Figueroa, pai de dous nenos de nove meses e dous anos, acudiu esta semana ao centro de saúde do Porriño para realizar o control de idade do máis cativo. "Tiñamos cita ás 12.40 e non puideron atendernos até as 14.15. Cando chegamos había até 26 persoas esperando coas súas crianzas, a maioría por urxencias por virus e bronquiolites. Se normalmente xa están até arriba –son dúas pediatras, das cales unha se xubila en decembro, mais outra compartida con Mos–, co andazo que hai levan días colapsadas".

A experiencia deste pai resume a situación que están a ver as especialistas desde hai varias semanas en centros de saúde e PAC, unha afluencia desmesurada de pacientes, sobre todo menores, que confirman desde as urxencias hospitalarias e os servizos de microbioloxía. Os casos de gripe A e Virus Respiratorio Sincitial (VRS) están a aumentar e con eles unha demanda asistencial que xa non acordaban, coas consultas baixo mínimos.

Temos nenos que durante dous anos levaron máscara e están sen inmunizar contra os virus respiratorios habituais e temos as escolas infantís masificadas

Raquel Martínez Bugarín é pediatra no centro de saúde de Ribeira. "Este ano é brutal. Levo en Primaria desde 2002 e non lembro nada igual. No PAC, nunha tarde, dous terzos das asistencias son pediátricas. Na miña consulta atendo de media unhas 50 crianzas durante a mañá, 30 con cita programa e unhas 20 por urxencias, case todas por infeccións respiratorias en vías altas". 

Presión asistencial

A falta de datos concretos, esta especialista fala dunha "epidemia brutal de gripe e sincitial" que este ano se adiantou. "As vacinas chegan tarde". Apunta varios factores: "Temos nenos que durante dous anos levaron máscara e están sen inmunizar contra os virus respiratorios habituais, temos as escolas infantís masificadas a conta da gratuidade, outro foco de contaxio tanto nos centros como nos propios domicilios, sen descoidar que a conta da pandemia alterouse a circulación dos virus".

Despois de dous anos, o VRS está a amosar un comportamento "típico" pero prematuro, afirma a pediatra do hospital do Barbanza Marián Rodríguez Blanco. Nunca se falou moito del, asegura, pero é o principal responsábel das bronquiolites que afectan a poboación infantil, máis complicadas en menores de un ano. "É unha doenza difícil de avaliar que non goza dun tratamento capaz de mudar a evolución do virus. Cursa con moita mucosidade e dificultade respiratoria, unha clínica preocupante en lactantes, principais candidatos a un ingreso.

"A presión asistencial que temos neste momento é resultado do número de pacientes pero tamén da calidade deses doentes, do seguimento e dos coidados que requiran", conclúe Marián Rodríguez Blanco, nun momento en que o déficit crónico de pediatras acentúa o colapso dos servizos.

No hospital do Salnés as gardas do mes de outubro foron "un horror", explica persoal das urxencias a Nós Diario. Están vendo de todo e moito antes do seu tempo. "Se no Cunqueiro aumentaron as asistencias 50%, nós, outro tanto". As urxencias pediátricas están a superar por moito o 20% habitual. "Houbo días que chegamos ao 45%, a maioría nenos, moitos con bronquiolites por VRS", cuxa positividade superou nese centro 33% o mes pasado.

Colapso nas urxencias

Aseguran desde o Salnés que teñen as consultas saturadas por procesos respiratorios víricos "benignos" que se superan con tratamento sintomático -lavados nasais, tomas máis frecuentes e menos abundantes para evitar a fatiga en lactantes e paracetamol se hai febre, ademais de hixiene, máscara, distancia e ventilación-.

O Álvaro Cunqueiro atende uns 230 nenos ao día, con picos de 300, nun contexto de falta de recursos e profesionais insuficientes

Piden calma e advirten que sen pediatras na Primaria, nos centros de saúde nin nos Puntos de Atención Continuada, a tensión trasládase aos hospitais. 

Neste sentido, o BNG exixiu onte á Xunta unha "resposta inmediata" ao "colapso" da atención pediátrica na área sanitaria de Vigo causado polos "recortes" e as "privatizacións" levadas a cabo polo Goberno do PP. Segundo lembrou a voceira de Sanidade, Montse Prado, o Álvaro Cunqueiro atende uns 230 nenos ao día, con picos de 300, nun contexto de "falta de recursos" e profesionais "insuficientes"; unha situación que pedirán reverter no Parlamento a través de varias iniciativas. 

Autocrítica

Raquel Martínez Bugarín apunta unha escaseza de porfesionais xeneralizada. "Temos pouco persoal e a planificación é moi mala". Non se cobren as baixas, fan moitas gardas e atenden moitos pacientes diarios, "pero o problema está en que tamén se abusa do sistema sanitario. Seguimos acudindo ao médico por problemas banais e demandando asistencia de forma inmediata. Teño a sala chea con 50 nenos e protéstanme por esperar unha hora. Non podo facer máis. Oxalá. E o traballo continuo de ter que explicar que se paso un lactante pequerrechiño antes dunha cita programada que chegou antes é por razóns clínicas é esgotador".

Non estamos para facer informes de saúde para as escolas infantís nin xustificantes de ausencia por enfermidade para os colexios e institutos

Esta pediatra bota en falta unha iniciativa do Sergas que dea a coñecer a situación actual, como se fixo durante a pandemia, unha campaña divulgativa que reactive as medidas de prevención e chame a non acudir ás urxencias se non é necesario.

"Ninguén sabe que hai unha epidemia de gripe A e de sincitical, que os servizos do Barbanza están masificados, que cando non hai pediatra na Pobra, as crianzas repártense entre Boiro e Ribeira, pero é que a semana pasada tampouco había pediatra en Boiro. E, por suposto, que os médicos non estamos para facer informes de saúde para as escolas infantís nin xustificantes de ausencia por enfermidade para os colexios e institutos, como veñen pedir moitos estes días".

Martínez Bugarín entende a preocupación das familias, mais pide paciencia e "autocrítica", na vixilancia da saúde das súas crianzas e no uso dos recursos sanitarios. "O medo que teño é que no medio de 50 nenos, cheguei a ver 86 o último día que prolonguei xornada, se me escape algo gordo".