Peches nos centros de ensino contra os ataques á educación pública galega

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca encerros rotativos en 20 centros de ensino do país, alén dunha concentración coincidindo co debate do decreto de comedores no Consello Escolar de Galiza. Con estas mobilizacións quer facer fronte á Lomce e os recortes no ensino

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público impulsa unha nova vaga de mobilizacións e protestas contra o anteproxecto da Lomce e os recortes e tesoiradas de Xunta e goberno central a educación. Alén dunha concentración para o 17 de abril en Santiago de Compostela coincidindo co debate no Consello Escolar de Galiza, a Plataforma chama a peches en centros de ensino. Os peches van ser rotativos e desenvolveranse durante todo mes de abril desde ás 17 horas ás 10 da mañá do día seguinte nunha vintena de colexios e institutos doutras tantas cidades e vilas do país.

“Somos a única comunidade de todo o Estado que vai obrigar ás familias a pagar por un servizo necesario para escolarizar ao alumnado"

Para Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, incideu en que a Lomce é unha lei reaccionaria, españolizadora, privatizadora e confesional que liquida a igualdade de oportunidades e que expulsa do ensino os sectores  sociais máis desfavorecidos  da sociedade. Louzao criticou a actitude do Conselleiro de Educación que actúa con “covardía”, elude defender as competencias que lle corresponden á comunidade autónoma que invade a LOMCE e que lle nega á comunidade educativa galega a posibilidade de debater o anteproxecto. “Nin sequera terá informe do Consello Escolar de Galiza”, lembrou.

"Ninguneo da comunidade educativa"

A representante  das Federación Provincial de ANPAS de Lugo, Elvira Lombao, denunciou a “tónica xeral” que caracteriza as decisións da Consellaría o “ninguneo da comunidade educativa”.

No que atinxe ao polémico decreto de comedores referiuse en representación da Plataforma o deputado do BNG, Cosme Pombo, que explicou que o PP quer vender ante a cidadanía como unha medida progresista e de xustiza social unha norma que suporá todo o contrario.  “Somos a única comunidade de todo o Estado que vai obrigar ás familias a pagar por un servizo necesario para escolarizar ao alumnado que, en moitos casos, ten que usar necesariamente o transporte escolar”, dixo.

“O PP ten no punto de mira o ensino galego”, afirmou Alberte Mera, de Galiza Nova, que insistiu na importancia dos peches que comezan o  9 de abril en Compostela, para visualizar o rexeitamento social que xa se puxo de manifesto noutras mobilizacións e folgas estudantís .