''O peche en T-Solar foi a única maneira de manter os nosos traballos e evitar o desmantelamento da fábrica''

Nun intre da entrevista. [Imaxe: Maia]

Manuel Conde, operario na planta de paneis fotovoltaicos ubicada no polígono industrial de San Cibrao das Viñas, en Ourense, explica para Sermos Galiza o conflito laboral que desembocou nun encerro encetado o 2 de xullo e que aínda continua. Esta ocupación é, a día de hoxe, o exemplo de resistencia obreira máis vivo do noso País.


Coñecín Manuel Conde na mobilización feminista polo dereito ao aborto realizada este sábado en Compostela. Enfundado nunha camisola laranxa contra o peche de T-Solar, vendía bonos-axuda para pagar as costas dun xuízo que condena aos e ás 170 traballadoras a abandonar as instalacións da fábrica, a de maior produtividade na Europa en tecnoloxía de silicio amorfo e que recibiu, en cinco anos, 65 millóns de euros en subvencións públicas. 

O 2 de xullo @s obreiras ocuparon as instalacións da fábrica. Querían forzar unha solución que garantise os seus empregos. Entre risas, Manuel explica que seica non é un encerro, senón "unha actividade reivindicativa de asembleia constante que ten o seu punto de reunión na fábrica". Sexa encerro, ocupación, peche ou asembleia constante, o certo é que camiña cara aos 90 días e "seguiremos até o final".

Cal era a situación laboral en T-Solar antes do encerro?

En xullo de 2012 a empresa, que pertence ao grupo T-Solar Global --filial do xigante Isolux-- presentou un ERE de suspensión alegando causas técnicas. Primeiro era para catro meses e despois prorrogouse outros catro. Para xustificar esta medida o que fixeron foi modificar algunhas partes da liña de produción para mellorar a produtividade. Nesta mudanza instalaron unha máquina que permite colocar a certificación UL para vender paneis homologados nos EUA. 

"Apoiar o ERE de extinción foi un erro. Asinar o noso propio despedimento é unha tolemia''

O 14 de febreiro contabamos con retomar a actividade. Porén, non recibiramos comunicación previa ningunha. Ese mesmo día enviaron unha mensaxe de móbil para nos informar de que pasabamos a unha situación de permiso retribuído até abril. É dicir, estabamos nas nosas casas e cobrabamos igual. Nese tempo, a empresa presentou concurso de acredores.

E aquí apareceu o cebo da suposta venda da fábrica.

Así é. A administración concursal presentou ao comité de empresa unha oferta: un ERE extintivo e a formalización dunha comisión de seguimento para ter toda a información ao redor da venda da empresa. Houbo unha votación e gañou o 'non' por maioría aplastante.

Uns días despois apareceu ese cebo. A imprensa publicou unha suposta oferta que había pola fábrica, polo que se convocou outra votación e desta volta a maioría votou polo 'si' pensando que sería a solución máis rápida para o conflito. Foi un erro. Asinar o noso propio despedimento é unha tolemia.

Que razóns deu a empresa para non lles dar traballo?

Alegaron que non había pedidos.

É iso certo?

Non. Nós temos coñecemento de encargos de empresas en Sudáfrica e tamén dun ambicioso proxecto encargado polos EUA, polo departamento de Defensa. Porén, sabemos tamén que están a pedir os paneis á China, que lles sae máis á conta. Eu teño metida na cabeza a idea de que o que queren é levar a fábrica de Ourense para Sudáfrica ou para os EUA, ou mesmo liquidar as débedas e volver mercala o mesmo propietario a prezo de saldo.

Levan desde xullo pechad@s nesa fábrica. Cal foi a pinga que fixo rebordar o vaso?

Naquela comisión de seguimento da que che falei antes non se reunía ninguén connosco. Non sabiamos ren. Se había unha empresa interesada en marcar a empresa, como é que non había avances?

"Hai pedidos de Sudáfrica e dos EUA, mais a empresa está a encargar os paneis á China, que lle sae máis á conta''

Ao mesmo tempo soubemos que estaban a desmantelar a gas-farm, a unidade de abastecemento de gas da fábrica. Podían tardar en facelo unhas horas ou uns días, mais poñela en funcionamento outra vez demoraría polo menos un ano. Quen ía estar interesado en facerse cunha fábrica que non vai dar rendemento até polo menos un ano despois? 

Así que o 2 de xullo, aproveitando que nos chamaran para ir asinar os papeis e solicitar o Fogasa --Fondo de garantía salarial-- encerrámonos. O obxectivo era facer presión, forzar unha saída, mais tamén vimos que era a única maneira de manter os nosos postos de traballo e de evitar o desmantelamento da fábrica.

Porén, T-Solar está a obter beneficios polo mundo adiante coa produción de enerxía en paneis feitos en Ourense.

Si. O que fixeron foi separar o grupo en dúas empresas: unha encarregada de vender a enerxía, que non ten ningún tipo de custe e por tanto só hai beneficios; e outra, a nosa, encarregada da produción, que só ten custes. Así que si, a empresa recada beneficios coa venda de enerxía obtida en paneis que fixemos nós aquí, na Galiza. 

Pregunta obrigada: houbo xuntanza co Goberno galego e cos grupos parlamentares? Como responderon ás súas demandas?

Houbo, si. A primeira toma de contacto foi co grupo parlamentar do PPdG. Falounos moi ben e dixo que estudaría a situación e as alternativas. Porén, cando o Bloque presentou unha moción para que se garantisen os nosos empregos, o PP botouna abaixo cos seus votos. Foron os únicos que se posicionaron en contra. Aquí estamos a recibir o apoio de toda a oposición, desde o PSdG a AGE pasando polo compromiso firme do Bloque, que ten representantes pechados canda nós.

E os sindicatos?

No encerro estan a nos apoiar tanto a CIG coma a CUT. Nin a Xunta de Galiza nin a consellaría de Industria foron quen de sentar a dialogar connosco após tantos días de loita, o cal nos leva a sospeitar que o interese que teñen en defender o tecido produtivo galego é, máis ben, pouco. 

"Estamos convencidos de que o que facemos é o correcto e de que, de non ocuparmos a fábrica, agora estaría desmantelada"

Coñecino vendendo bonos-axuda. Como foi a vista oral do 4 de setembro?

Foi... curiosa. Sabemos que a empresa tivo que mover moitos fíos para que lle aceptaran a denuncia nos xulgados e finalmente presentouna polo Civil. Alegaban que ao ficarmos nas instalacións obstaculizabamos tarefas de mantemento na gas-farm e había perigo de explosión.

O curioso foi que na vista non se falou para nada disto. Non se ouviron as testemuñas. E sorprendeunos tamén que nin o administrador concursal nin o administrador da fábrica se puxeran en contacto connosco antes de presentar a denuncia. Tamén é rechamante que só denunciaran 20 traballadores. A resolución di que debemos abandonar as instalacións.

O que faremos aínda non se decidiu en asembleia, mais acho que imos seguir até o final. Malia o duro que está a ser, porque todos temos familia, amizades e hai xente que vén de fóra, estamos convencidos de que o que facemos é o correcto e de que, de non ocuparmos a fábrica, agora estaría desmantelada.