O Ensino móvese contra a Lei de Orzamentos do PP, que recorta un 6,5% nas universidades

Un peche na facultade de Filoloxía da USC e un paro esta terza feira, día 26, entre as 13 e as 17h con varias concentracións convocadas complementan a mobilización que arrincará ás 10h diante do Parlamento, cadrando coa aprobación da norma


Estudantado e persoal da USC encetou esta segunda feira un peche na facultade de filosofía de Compostela como protesta perante os recortes na partida orzamentaria da universidade e coa aprobación, esta terza día 26 no Parlamento galego, da Lei de orzamentos impulsada pola Xunta do PP.

Con tal motivo, as organizacións estudantís e o persoal universitario convocaron dúas quendas de protestas na capital da Galiza para este terza feira 26 de Febreiro: unha concentración ás 10 da mañá perante o Parlamento e unha manifestación que sairá ás 13 horas da compostelá praza do Toural e cuxo percorrido desembocará, asemade, perante a Cámara.

Daniel Candal, responsábel nacional dos Comités, cualificou os presupostos promulgados dende o PP como os “os orzamentos da vergoña” no marco da rolda informativa desenvolvida na facultade de filosofía.

O responsábel das organizacións estudantís chamou a atención sobre o descenso dun 6,5% da partida orzamentaria con respecto ao pasado ano “o que implica volver a niveis do 2005”.

Aliás, Candal puxo especial énfase na problemática dos recortes do salarios e nos despedimentos do persoal universitario o cal, advirte, “vai minguar a calidade da universidade pública”.

Doutra banda, malia que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, manifestou a pasada semana que ía conxelar a subida das taxas para as primeiras matrículas, dende os Comités avisan que “a situación non é clara” para as segunda, terceiras e cuartas convocatorias e que “a previsión é que estas crezan de forma exponencial”.

Pola súa banda, Santiago Piñeiro, integrante da Liga estudantil, fixo fincapé no "duro ataque" que suporán os Orzamentos para a universidade pública, "incumprindo o plano de financiamento co que contaba o Sistema Universitario Galego ata o 2015".

Palestras impartidas por profesorado da USC deron conta, desde as 15h cando se iniciou o peche, das consecuencias que carrexarán "as políticas neoliberais" impulsadas desde a Xunta. Subliñou Piñeiro que "temos que estar aquí porque o estudantado é sempre quen paga os pratos rotos. Xa non é só que suban as taxas en segunda matrícula, senón que agora, cos recortes, terán que subilas tamén en primeira".

Contra os orzamentos do PP

A comunidade educativa das tres universidades da Galiza está chamada a se mobilizar tamén esta terza feira, 26 de febreiro, cadrando coa aprobación no Parlamento galego da Lei de orzamentos impulsada pola Xunta do PP e que suporá unha rebaixa do 6,5% dos recursos respecto ao ano 2012, voltando o financiamento ao nível de 2005.

Os impagamentos que se observan xa nos segundos prazos da matrícula, sumados á selección do alumnado por criterios económicos que se estabeleceu após medidas como a suba das taxas universitarias, a redución do número de bolsas de estudos e o endurecemento dos criterios para acceder a elas, fai que o sindicato CIG, con maioría no ensino, denuncien que "as previsións de ingresos son absolutamente irreais" e poderán provocar un buraco de perto de 3 millóns de euros. O financiamento estrutural, aquel que garante o funcionamento ordinario das universidades, cae en 40 millóns.

Outro dos colectivos afectados polos recortes da consellaría de Educación e Ordenación universitaria é o persoal PAS e PDI. A diminución da masa salarial "é maior á que se aplica ao resto dos traballadores autonómicos e, novamente, suporá perdas relevantes de poder adquisitivo", denuncia CIG-Ensino. As medidas veñen acompañadas dun empeoramento nas condicións de traballo. Malia as afirmacións da Xunta de que non se produciron despedimentos, a central nacionalista denuncia a non renovación de contratos de PAS, PDI e traballador@s contratad@s con cargo a proxectos de investigación.

PARO DE 13 A 17h => MOBILIZACIÓNS CONVOCADAS

A Coruña
- Concentración ás 13.30h na rotonda do campus de Elviña

Compostela
- Asemblea de traballador@s ás 11h na facultade de Historia
- Manifestación ás 13h desde a Praza do Toural até o Parlamento galego

Ferrol
- Concentración ás 13.30h diante da facultade de Humanidades (campus de Esteiro)

Vigo
- Concentración ás 13h diante da reitoría