Cartas ao director

Peche de aulas

Marcha en protesto polo encerramento do Monte Caxado (As Pontes)

O 3 de setembro do 2015, unha marea humana baixa dende a praza do Cabalos en dirección a Urzáiz. Falan de que é unha das manifestacións máis multitudinarias que viviu esta cidade, protagonista de innumerables loitas obreiras. A xente sae á rúa en defensa dun dos que, xunto coa educación, é un dos dereitos universais por excelencia, a sanidade pública, ameazada neses momentos (ameza que persiste na actualidade) por un modelo de xestión que non viramos no noso país ata o de agora: están dando entrada ao capital privado na xestión e explotación dun hospital que debería ser público na súa totalidade. A cidadanía ve como unha ameaza este cambio de modelo, decátase de que as decisións sobre o futuro do edificio que albergará o novo hospital xa non recaen sobre os xestores públicos, e non sabemos se iso vai quedar así ou pode avanzar cara outras vías.

 

A contestación da sociedade foi unánime, manifestou que a sanidade pública é algo ao que non estamos dispostos a renunciar, pronunciouse diante da ameaza de que isto puidera ir a máis, se ben o modelo implantado en Vigo non se modificou si se evitou que fora a máis e incluso que fora exemplo para outras cidades. A ameaza era maior. 

 

Que pasaría se nun falso alarde de liberdade individual podemos elixir, a costa dos orzamentos do país, onde operar un xeonllo, onde nacen os nosos fillos?

 

Que pasaría se nun falso alarde de liberdade individual podemos elixir, a costa dos orzamentos do país, onde operar un xeonllo, onde nacen os nosos fillos, unha intervención de cirurxía cardíaca ou onde facer as nosas análises de colesterol? Que pasaría se unha parte importante da cidadanía non aguanta máis as criminais listas de espera para ser operado ou simplemente ser valorado por un especialista e deixa de lado os seus valores e, facendo uso desa liberdade de escolla, acude a un centro privado sostido con fondos públicos? Comezaríamos a ver como a presión asistencial diminúe nos nosos hospitais públicos, probablemente os quirófanos pensados para un volume de poboación xa non serían precisos na súa totalidade, habería un volume de camas excesivo e comezarían a pechar plantas. Compañeiras e compañeiros verían como rescinden contratos, como se amortizan prazas, como os orzamentos dedicados á innovación e a implantación de novas técnicas cada ano sería menor. 

 

Que faríamos? Como reaccionaria a sociedade? Non teño a menor dúbida de que esta situación provocada e buscada por unhas políticas que teñen como consecuencia un deterioro do noso sistema público de saúde terían unha resposta masiva e contundente na rúa, as famosas 200.000 persoas do 3 de setembro do 2015 serían poucas, non dubidaríamos en reclamar o noso.

 

Son pai de dous fillos de catro e nove anos. Vivo nun barrio cunha moi boa oferta educativa. Andando teño varios centros preto, maioritariamente concertados. Todos moi bos colexios, uns mellores que outros, pero bos. Son centros privados aos que a administración lle paga os seus profesores, centros que a súa vez solicitan ás familias unha cota mensual, cada un en concepto do que crean mellor, xa que por lei estes centros non poden cobrar pola educación. 

 

Eu escollín un centro público, CEIP San Salvador de Teis, ao carón do parque da Riouxa, no Outeiro do Sino. Un cole “pequeno”, cunha liña por curso. Teño transporte escolar e comedor. Teño un proxecto medioambiental froito do traballo do profesorado e das familias, temos galiñas e cabras, horta, charca, temos un centro “noso” para o que traballamos profesores e familias cun obxectivo común. 

 

Vannos pechar unha clase, van botar a dúas profesoras, o resto das profes terán menos horas para os nosos novos proxectos

 

Este ano a baixa natalidade produciu unha redución drástica nas matrículas, só temos dous novos alumnos. O resto do barrio notou tamén esa baixada, coa diferenza de que a liberdade de elección de centro (incluíndo público e privado) fixo que algúns teñan só dúas novas alumnas mentres outros manteñen catro liñas no primeiro curso de educación infantil. Vannos pechar unha clase, van botar a dúas profesoras, o resto das profes terán menos horas para os nosos novos proxectos. 

 

Somos libres, podemos escoller onde escolarizar as nosas fillas e fillos, pero non o facemos en condicións de igualdade, este modelo educativo está deixando morrer a escola pública, somos libres e non pasa nada se perdemos a nosa escola pública. Virán despois os peches das plantas? Recortarán despois celadoras, enfermeiros, médicas? Sairemos á rúa.

 

Miguel Tizón. Vigo.