Pecha en Marineda City a tenda Lefties, do grupo Inditex, por un caso de Covid-19

Vista exterior da tenda Lefties do Centro Comercial Marineda City (Foto: Nós Diario).
O caso xa foi comunicado a Sanidade e a persoa traballadora está no seu domicilio.

A tenda Lefties -do grupo Inditex- do centro comercial Marineda City da Coruña pechou hoxe despois de que unha traballadora dese positivo na proba de coronavirus.

Segundo informaron fontes consultadas, a traballadora non acudiu ao seu posto de traballo desde o pasado sábado.

Despois de coñecer hoxe que o resultado da proba foi positivo, procedeuse ao peche das instalacións para realizar unha desinfección.

Ademais, estas fontes precisaron que os responsables comunicaron o sucedido ao resto do cadro e ao persoal que estivo en contacto coa traballadora para facerse a respectiva proba.

Todo iso, indican, seguindo os protocolos marcados polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) e en coordinación co centro comercial Marineda City.

Pola súa banda, outras fontes consultadas detallaron que se trata dun caso illado, que segue a corentena no seu domicilio.