Pecha a edición en papel do semanario 'De Luns a Venres'

Capa do último número do 'LV'

A empresa lucense de comunicación El Progreso anuncia que esta cabeceira se integrará na plataforma dixital Galiciaé e que acometerá "unha profunda remodelación dos contidos e da concepción da web" que chegará "nos próximos meses". 


O semanario en galego De Luns a Venres repartiu o seu último exemplar. O xornal, que se repartía de maneira gratuíta nas sete cidades galegas desde o 21 de decembro de 2006, pechou a súa edición en papel para se integrar na plataforma dixital Galiciaé, pertencente ao grupo de comunicación lucense El Progreso.

A nova da desaparición da edición impresa deuna o propio LV, atribuíndo a razón do peche á "aposta" en internet. Con todo, o certo é que a comezos de 2013, nomeadamente desde o 8 de febreiro, o xornal, que se repartía todos os días laborábeis, pasou a ter unha periodicidade semanal após cobrar 250.000 euros nunha subvención da Xunta por se publicar en galego e após a empresa despedir nove traballadoras entre xornalistas do LV e da AGN, a axencia de noticias pertencente ao grupo, que edita tamén El ProgresoDiario de Pontevedra

Ao se deixar de repartir o LV, que non se distribuía a través dos quiosques senón mediante o reparto directo e gratuíto nas rúas, Sermos Galiza, que chega aos puntos de venda todas as quintas feiras, pasa a ser o único semanario que se pode ler integramente en galego. Por certo que no seu último exemplar, De Luns a Venres publica a toda páxina e redactada en español unha publirreportaxe da escola infantil privada Santa Apolonia.