Análise

Pecado laico (e patriarcal) e culpa

A culpa preséntase, ás veces, en forma de angustia, vergoña, remordemento ou amargura. (Ilustración: Álex Rozados)
A doutora en Medicina e activista feminista Lola Ferreiro Díaz prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.análise

Case sempre que se emprega a palabra pecado fóra do seu significado relixioso, faise en referencia a unha acción incorrecta ou desacertada, pero con matices leves e non vinculados coa culpa. Isto deixaría fóra da ecuación a todas as persoas agnósticas e desde logo ateas, que non asumimos os preceptos da igrexa e, xa que logo, que a súa transgresión sexa un pecado. Probabelmente sería así se non fose porque a relixión católica, antes cristiá, antes hebrea e sempre monoteísta, configurou un sistema de valores que secularmente impuxo baixo promesas de gloria eterna, baixo ameazas de condenación eterna, ou mesmo pola forza bruta. Estes valores inzaron a cultura, que inflúe en todas e cada unha das persoas que pertencemos a ela.

Concordando coas achegas do Carl Jung, hai un inconsciente colectivo cuxos contidos están organizados en arquetipos. Un arquetipo é un modelo (por exemplo, o arquetipo muller) que reúne todos os trazos que debemos ter as mulleres para sermos consideradas boas e en consecuencia, aceptadas (e aceptábeis). Este conxunto de trazos (valores) transmítense de xeración a xeración a través da familia e do resto dos grupos de socialización, influíndo na construción do inconsciente individual, no que hai un "compartimento" (o Superego), no que fican as normas morais (prohibicións) e o Ideal de Ego (modelo ao que nos semellar).

Ambos sancionan as nosas accións, os nosos pensamentos, os nosos sentimentos e mesmo as omisións. Todo isto é independente de que creamos ou non nun deus e no aparato relixioso do que deriva o seu culto. En consecuencia, a transgresión das normas culturais reúne todos os requisitos do pecado... laico, pero pecado, e este provoca culpa (tamén laica), que pola súa vez induce unhas cotas de malestar tan importantes, que a súa anticipación cohibe moitas veces a nosa conduta, pero non os pensamentos e moito menos os sentimentos, co cal está presente con moita frecuencia.

A culpa é un instrumento ao servizo do sistema patriarcal para mantérmonos "no noso sitio" e así impedir que sexamos quen de decidir sobre a nosa vida

Abnegación e agresividade

A intensidade, a frecuencia e a estrutura da culpa, así coma os mecanismos de defensa para protexernos dela, configuran dous patróns que cómpre diferenciar. Sen dúbida, o modelo que inclúe maior intensidade e frecuencia, estrutura máis complexa e mecanismos de defensa máis intrapunitivos (autolesivos), é o das mulleres, probabelmente en relación coa existencia de máis normas no Superego e maiores (e difíciles) expectativas que se depositan sobre nós. De todas elas, as que máis prexudican a nosa saúde son a renuncia aos propios desexos e ao noso benestar, en beneficio do benestar "do outro" (abnegación), e a contención da agresividade, que remata por volverse contra nós, facéndonos dano activo (e inconsciente).

Xa que logo, a culpa é un instrumento ao servizo do sistema patriarcal para mantérmonos "no noso sitio" e así impedir que sexamos quen de decidir sobre a nosa vida, porque isto conduciríanos a atinxirmos a igualdade real e poría en serio perigo a subsistencia do patriarcado.

Angustia e remordemento

Outro dos inconvenientes da culpa é que moitas veces non se presenta como tal (non a pensamos como tal). De feito, a súa forma máis convencional, que inclúe remordemento e/ou arrepentimento, e unha gran dose de angustia, non é necesariamente a máis frecuente. No traballo con mulleres atopamos moitas veces expresións da culpa sen a presenza de arrepentimento ou remordemento (que permitirían identificala como tal). Estes son substituídos pola anticipación dun "castigo" (pensamentos intrusos sobre algo malo que vai ocorrer), sempre cunha gran dose de angustia.

Noutras ocasións preséntase só a angustia. Outras preséntase en forma de vergoña, que inclúe sempre o medo a sermos descubertas (e rexeitadas) polas demais; por último, e non menos importante, podemos sentila como amargura; neste caso, a culpa estaría representada pola negación do desexo de sentírmonos ben e pola conseguinte omisión de habilitarmos os medios necesarios para logralo; a tristeza, a frustración e a rabia rematarían de configurar a estrutura desta emoción, devastadora para o estado de ánimo e para a saúde.

En suma, nas mulleres, o pecado laico e a culpa son tan grandes, que poderiamos dicir que resulta case connatural ao feito de o sermos. Resúmeo moi ben a máxima do Clemente de Alexandría (150-215 d.C.): Todas as mulleres deberían morrer de vergoña ante a idea de teren nacido tales.

Por todo isto, coido que paga a pena reflexionarmos sobre a culpa patriarcal e o pecado, para identificala e, nomeadamente, apoiarnos entre nós para podermos diminuíla.