A pé até A Coruña en protesta polo fechamento dun colexio nas Pontes

Protesto contra o fechamento do CPI Monte Caxado das Pontes [Foto: Amigus.org]

Familias e veciñanza inician unha camiñada até a cidade herculina para rexeitaren a “extinción” do CPI Monte Caxado imposta pola Xunta

A comunidade educativa das Pontes botouse hoxe a andar. Ás 11 da mañá deste domingo iniciaron unha camiñada con rumo á cidade da Coruña á que prevén chegar a vindeira terza feira. Percorrerán os 70 quilómetros que separan ambos os concellos para protestaren contra o fechamento do colexio Monte Caxado, decidido de maneira unilateral pola Consellaría de Educación e comunicado ás nais e pais a finais de xuño, a un día de que concluíse o curso escolar.  O peche provocará que o alunado de infantil e primaria sexa trasladado ao Colexio A Magdalena, e o de secundaria ao instituto Moncho Valcarce. Ao instituto tamén terán que se deslocar 56 cativos e cativas con necesidades especiais. O centro, que foi merecedor de varios recoñecementos por parte da propia Consellaría, tiña prevista unha matriculación de 256 escolares no vindeiro curso. 

 

Coa camiñada reivindicativa queren forzar que a Xunta acceda a iniciar un “diálogo serio” de cara a reconducir a situación, após varias semanas de mobilizacións e a realización dun encerro no propio colexio. Así o explicou Fina Bellas, presidenta da coordinadora de ANPAs "Abrente" e voceira da comisión unitaria da que tamén fai parte o  Concello das Pontes. Bellas demanda a paralización do decreto que lle permite ao goberno galego “extinguir” o colexio e reclama que no caso de ser necesaria algunha reforma esta sexa resultado do consenso e non dunha “imposición autoritaria”. O alcalde das Pontes, e tamén presidente da Deputación da Coruña, o socialista Valentín González Formoso, demandou tamén diálogo. O rexedor pide ao goberno galego que “fale coa comunidade educativa” e móstrase aberto a unha ordenación “consensuada” do mapa educativo do municipio. Unha vintena de alcaldes e alcaldesas das comarcas do Eume-Ortegal, Ferrolterra e dos municipios colidantes de Lugo manifestaronse en contra dos fechamentos de colexios impostos pola Consellaría.

 

A marcha desenvolverase en tres etapas. A primeira levaráos até Pontedeume, a segunda até Bergondo e a terceira até a Coruña. A terza feira, cando a andaina atinxa a cidade herculina, realizarán unha concentración pola tarde diante das dependencias administrativas da Xunta de Galiza en Monelos. Haberá autobuses ese día desde As Pontes para facilitar o desprazamento da veciñanza que non participara da camiñada.

 

Desde a Xunta continúan sen atender o seu reclamo. O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, xustificou o fechamento do Monte Caxado asegurando que se trata “dunha decisión que toma a administración dentro do ámbito das súas competencias, entendendo que o alumnado de primaria ten de estar en colexios e o de secundaria en institutos, como é o caso”. 

 

Oposición do BNG

 

Pola súa banda, o BNG rexeitou o peche do centro escolar criticando a decisión “unilateral” do departamento que dirixe Rodríguez. “A Xunta non negocio con ningunha das partes afectadas, -ANPAS, docentes e organizacións sindicais-, nin informou da decisión até a véspera do fin de curso”, reprochou a deputada nacionalista Olalla Rodil, para quen estes fechamentos son “un exemplo máis da política educativa do PP, marcada polos recortes de centros e de persoal na educación pública, mentres reserva 1.550 millóns de euros ao ensino privado-concertado”.

 

Para alén do caso do Monte Caxado, a fronte nacionalista expresou no Parlamento galego a súa oposición á reestruturación que afecta o CEIP Emilio Novasqües, de Outes, o CEIP da Ribeira, no Porriño, o colexio Tomás de Lemos, en Ribadavia, e o IES de Celanova.