“Non é só unha mobilización contra a Lei de Acuicultura. É contra as políticas da Xunta para o mar”

José L. Rodríguez, Asoar-Armega

Mantense a manifestación nacional do sector do mar embora o anuncio da conselleira de retirar a Lei de Acuicultura. Falamos con representantes de diferentes sectores sobre motivos dunha mobilización que se prevé multitudinaria.

Este sábado, 27 de febreiro, Compostela acolle unha manifestación nacional convocada pola federación de confrarías co apoio e impulso de diferente sectores e colectivos, desde bateeiros (mexilloeiros) até frota de baixura, pasando por mariscadoras ou colectivos ambientalistas. Até a propia Xunta é consciente do masiva que pode ser o protesto, de aí que nestes días altos cargos do goberno, coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, á fronte, declaren que a Lei de Acuicultura non vai ir adiante.

Neste Sermos Galiza número 184 [esta quinta feira en quioscos, librerías e na nosa loxa] publicamos unha reportaxe na que explicamos os por ques desta mobilización na que se prevé reunir a máis de 30.000 persoas, segundo cifra da Plataforma en defensa da Ría de Arousa, un dos colectivos que apoian o protesto. Falamos con mariñeiros, bateeiros, mariscadoras, biólogos... sobre unha manifestación que sobarda a exixencia de retirada do ante-proxecto da Lei de Acuicultura.

José Luis Rodríguez, mariñeiro e presidente de Asoar-Armaga, asociación de armadores de artes menores, a principal frota do noso país, composta por case 4.000 embarcacións; é unha das voces que aparece na reportaxe que incluímos neste Sermos Galiza nº184. “O día 27 imos estar todos unidos en Compostela: mariñeiros, bateeiros, mariscadoras....”, di, destacando que esa mobilización non é “só contra a Lei de Acuicultura”, senón unha emenda á totalidade ás “políticas desta Xunta para o sector do mar”. Rodríguez afirma, neste punto, que as actuacións e medidas da Consellería do Mar nos gobernos de Núñez Feijóo “atacaron directamente” a frota artesanal galega.

Motivos

A manifestación deste 27F chega após meses de mobilizacións do sector. Non só contra o ante-proxecto da Lei de Acuicultura, que actuou como catalizador do malestar existente nos sectores do mar, e que levou a que alcaldes e cargos do PP se posicionasen pola súa retirada. Os repartos de cotas, as mortandades masivas de bivalvos ante o “desleixo” da Xunta, as 'simpatías' da Consellería pola gran patronal conserveira fronte aos produtores, o que pasou con artes como o xeito, ... O 'memorial de agravios' do sector é amplo. Algo que se perfilaba xa en outono pasado,cando vilas como Rianxo, Cambados ou Vilagarcía acollían asembleas multitudinarias en auditorios ateigados até a bandeira para protestar contra as políticas da Consellería.