Sector produtivo e ambientalistas anuncian medidas legais e mobilizacións contra o vertido de “lodos contaminantes” en Sálvora

Salvora. Foto de MSM

Salientan a “unanimidade” na Ría de Arousa contra o proxecto de verter lodos procedentes “de zona C e da beira da Celulosa de Pontevedra”.

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), que agrupa sectores produtivos, colectivos sociais e plataformas ambientalistas nas comarcas da Barbanza e O Salnés, quenta motores para unha nova mostra o seu músculo mobilizador, que non é pouco. Demostrouno no pasado en non poucas ocasións, desde as mobilizacións contra os depósitos de hidrocarburos no Ferrazo Porto de Vilagarcía) até os protestos contra a Lei de Acuicultura ou a mina de Touro máis recentemente. Nesta ocasión é o proxecto para verter lodos procedentes do dragado do Lérez perto de Sálvora, na entrada da Ría de Arousa, o que mobilizar a PDRA.

Esta segunda feira representantes de organizacións, colectivos e entidades representadas na PDRA reuniuse en Carril para debater sobre as medidas e actuacións a adoptar para paralizar un vertido que entende como unha agresión e unha ameaza. Afirman que nin os sectores produtivos nin a propia PDRA tiña coñecemento algún deste proxecto, enterándose pola prensa.

Hai “unanimidade no rexeitamento ao vertido ao mar destes lodos contaminados porque proceden de zona C [pechada ao marisqueo] e da beira da Celulosa de Pontevedra.” Cualifica a PDRA de “despropósito que se queira verter ese refugallo no “canal de entrada das augas que provocan o afloramento na ría de Arousa, a ría máis produtiva que ten Galiza e nas proximidades da zona mariña protexida do Parque Nacional das Illas Atlánticas”.

Acordaron dirixir un escrito á Conselleira do Mar, da que depende Portos de Galicia, trasladando ese rexeitamento ao vertido e solicitando o acceso ao expediente administrativo para coñecer os detalles técnicos e a caracterización deses lodos. Tamén remitirán un escrito ao Delegado do Goberno en Galiza para transmitirlle o rexeitamento “da ría de Arousa á existencia dese punto de vertido, fixado no seu día polo goberno central”.

Por último, na xuntanza acordouse trasladar á opinión pública a vontade de levar adiante todas as medidas legais e de mobilización social que estean na nosa man para impedir este atentado contra a nosa ría.

 

Riqueza

 

Na Ría de Arousa traballan 44% das mariscadoras a pé, mais de 41% das embarcacións de artes menores e 68,7% das bateas de mexillón de Galiza.  A frota pesqueira de Arousa está composta por 1.709 buques de pesca e 842 auxiliares de pesca e acuicultura, respectivamente o 38,6% e o 69,9% do total de Galiza.