A PDRA di que "a mellor resposta" á autorización de Altri é acudir á mobilización do 22 na ría de Arousa

Xaquín Rubido, 'Xocas'.
A  Plataforma en defensda da ría de Arousa acusa a Consellaría do Mar de promover "que desapareza" o sector co seu informe para a DIA de Altri

O presidente da Plataforma en defensa da ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido, acusou a Consellaría de Mar de promover "que desapareza o sector do mar e a ría de Arousa" co seu informe para a autorización ambiental do proxecto que a multinacional lusa quere instalar en Palas de Rei, na Ulloa.

En declaracións a Europa Press tras coñecerse a resolución da Xunta da Galiza, Rubido asegurou que no seu informe a Consellaría "abandona a súa obriga legal de defender o sector do mar".

"Non só non o defende, senón que defende o contrario, que desapareza", lamentou para, a continuación, sinalar as consecuencias que, na súa opinión, tería "para a Galiza e para a súa soberanía alimentaria", ademais de "para a sustentabilidade nun escenario de cambio climático".

Así mesmo, tachou de "irresponsabilidade" que a Xunta da Galiza "queira impor ao conxunto da sociedade galega un modelo industrial claramente prexudicial" que, engadiu, "vai afectar drasticamente o sector agrogandeiro" e á "produtividade do marisqueo da ría de Arousa".

Por outra parte, avanzou que esta segunda feira darán unha rolda de prensa na Confraría de Pescadores da Pobra do Caramiñal (Barbanza) para dar unha valoración máis extensa da resolución publicada este venres no DOG e como previa á manifestación prevista por terra e mar o próximo 22 de marzo contra Altri e a Mina de Touro.

"A mellor resposta a esta declaración positiva da Declaración de Impacto Ambiental da Xunta é unha resposta masiva de barcos e de xente por mar e por terra. Esa é a mellor resposta", aseverou Xaquín Rubido.