Por 8 millóns

O Pazo de Meirás, á venda nunha inmobiliaria cántabra

 

A familia do ditador Francisco Franco volve poñer á venda o Pazo de Meirás. O ben espoliado ao pobo de Sada aparece nesta ocasión no portal dunha empresa do sector inmobiliario de Santander. Piden por este Ben de Interese Cultural 8 millóns de euros, o mesmo que pedían no mes de febreiro, cando puxeran a venda o inmoble.

“Inmoble singular en venda en Sada”. Así presenta un portal inmobiliario de Santander o Pazo de Meirás, que a familia Franco volve poñer á venda por 8 millóns de euros, o mesmo que pedían en febreiro, cando xa puxeran en venda o inmoble na mesma web, especializada en vivendas de luxo.

 

“A balaustrada corrida do segundo piso e os ocos na esquina da seguinte planta baixo linteis de cantaría rematados en arco labrado na mesma peza. O balcón cuberto da Torre da Quimera é tamén factor singular da fachada. Susténtano tres ménsulas ou modillóns, con balaustrada de remate macizo sobre columnas de tamaño pequeño, nas que repousa a dupla arcada que aguanta a cuberta, onde existen elementos ornamentais de épocas precedentes […]”, describe a inmobiliaria MIKELI o pazo, que conta con pezas traídas doutros inmobles señoriais galegos, especialmente do de Bendaña (Dodro), a petición da muller do ditador, Carmen Polo, segundo ten relatado o investigador Carlos Babío.

 

“Atopámonos, pois, ante un recinto sen par, cheo de historia e detalles especiais (biblioteca, cadros, pezas arqueolóxicas, dependencias, blasóns, fontes, cruceiros, decoración, etc) que o converten nunha oportunidade inmellorábel”, engade a inmobiliaria, que define o pazo espoliado polos Franco como “un paradigma de confort e contacto coa natureza”.

 

Na descrición non se explica a procedencia do inmoble, nin que fora a residencia de verán do ditador Franco. Tampouco se cita que se trata dun Ben de Interese Cultural (BIC).

 

Fechado en agosto "por vacacións"

 

Malia que, precisamente, debido á declaración como BIC, o pazo abre ao público as sextas feiras -cando non se incumpre o réxime de visitas-, nas sextas de agosto -agás o 31- permanecerá pechado. Así o recoñece unha mensaxe automática ao chamar ao teléfono para concertar cita, que xestiona a Fundación Franco. A web oficial de Turismo da Xunta de Galiza informa de que no mes de agosto só se pode visitar o pazo o día 30 e o 31 -alén do 1 e do 2-.

 

Os descendentes do ditador seguiron facendo uso do pazo como lugar de veraneo nos últimos anos. De feito, a neta de Franco, Carmen Martínez Bordiú, chegou a posar nos xardíns do inmoble en agosto de 2014 para unha revista do corazón.