Paulo Carril lidera a candidatura de consenso para o VII congreso da CIG

[Imaxe: SG] Paulo Carril

A Confederación Intersindical Galega realiza 27 e 28 de maio o seu VII Congreso, en Compostela, baixo o lema Coa CIG somos máis fortes. Participarán no mesmo máis de 700 delegados, que elixirán á nova Executiva Confederal e acordarán as liñas de traballo que rexerán a acción sindical no vindeiro período. Carril, secretario de Organización, encabeza a candidatura unitaria.

O secretario de organización da CIG no últimos catro anos, Paulo Carril, encabeza a candidatura unitaria para a nova executiva confederal que elixirá a central sindical nacionalista no seu VII congreso, que decorrerá o sábado 27 e domingo 28 de maio en Santiago de Compostela baixo o lema ‘Coa CIG somos máis fortes’. Se ben aínda se poden apresentar candidaturas até 48 horas antes do inicio do Congreso, a candidatura de consenso indica que Carril ten todas as posibilidades de ser quen substitúa Suso Seixo, que deixa o cargo após 16 anos de responsabilidade no mesmo. Paulo Carril estivo 12 anos como secretario comarcal da CIG na Coruña, posto do que pasou a ter a responsabilidade como secretario de Organización en 2013.

Seixo apresentou esta segunda feira o VII Congreso, canda  Margarida Corral, e o responsábel de Comunicación, Francisco Miranda. No relativo ao ámbito organizativo, apostou en "mellorar nos métodos de traballo", cun sindicato "cada vez máis próximo" aos traballadores, cun funcionamento "moi participativo" e unha actitude "contraria ao pacto social".

Diferenciou o sindicalismo da CIG fronte a UXT e CC.OO, os que acusou de "non promover a contestación e a mobilización", criticando que ambas as dúas teñen "unha política de colaboración, compadreo e entreguismo ao poder político".  Fronte a iso, apostou polo modelo sindical, “completamente distinto”, que representa a CIG. Subliñou ademais que é precisamente ese modelo o que levou á CIG a situarse como primeira central sindical de Galiza en afiliación, infraestrutura, capacidade mobilizadora e a unhas décimas de ser a primeira forza sindical en canto a  representación nos centros de traballo. “Conseguímolo sen ceder para nada nos nosos principios e na nosa acción sindical: de combate, de contrapoder e contraria ao pacto social”.

Incidiu en que neste Congreso preténdese pór en valor a importancia da organización sindical, fronte á idea espallada polo neoliberalismo de que non hai clases sociais e que, polo tanto, “as organizacións sindicais tradicionais non temos moita razón de existir porque todos somos cidadanía, promovendo así o individualismo e a insolidariedade”.

Lonxe diso denunciou que realmente asistimos a un período no que se “está agudizando a loita de clases” e que, polo tanto, é fundamental que os traballadores estean organizados e “teñan capacidade para defenderse de forma colectiva”. Explicou que para a CIG o actual modelo vai cara "un tipo de sociedade cada vez máis antidemocrático, no que quen toma as decisións que realmente despois condicionan as nosas vidas en todos os ámbitos son as institucións políticas e financeiras que funcionan totalmente á marxe do control da cidadanía”. Por iso asegurou que os sindicatos seguen estando totalmente de actualidade, nomeadamente a CIG, entendendo que “tampouco serve calquera tipo de sindicalismo”.