Conversa co presidente de Asfareb e REDE

Paulino Campos: "Na residencia DomusVi O Barreiro as usuarias pasan fame"

Paulino Campos, presidente da RED. / Nós Diario

A Federación de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia mantén unha férrea loita na defensa das usuarias destes centros. 

—Algunhas das persoas residentes en DomusVi O Barreiro (Vigo) estiveron, temporalmente, acollidas nunha residencia de Panxón, en Nigrán, durante o confinamento. Como foi a súa experiencia alí?
Foi moi boa, porque o número de persoal traballador era, para as usuarias do Barreiro, incribelmente alto. Así que estaban ben coidadas, o médico falaba con elas, a algúns mesmo lles sacaron algunha medicación, tomaban peixe fresco...

—Alí deriváronse persoas que deran negativo pola Covid-19 pero ao pouco houbo problemas, que pasou?
As probas PCR non se fixeron nas condicións axeitadas porque puido producirse contaminación. Cando foron como negativas, claramente os resultados non eran correctos. Houbo que repetir as probas, coas 22 persoas. Deron todas as usuarias negativo agás dúas que ían contaxiadas do Barreiro, unha delas, desgraciadamente, faleceu e a outra foi trasladada de novo ao Barreiro. Alí xa estaban a chegar outros negativos da residencia de Crecente, así que esa DomusVi estaba converténdose nunha residencia na que convivían contaxiados e non contaxiados.

—E que pasou cando todas as usuarias tiveron que volver á residencia do Barreiro?
Nós falamos de maltrato institucionalizado, é dicir, hai cuestións de malas prácticas que se converten en costume.

—A que se refire ao falar de malas prácticas?
A calidade alimentaria segue a ser ínfima, a pesar de que o centro posúe unhas boas instalacións de cociña. O servizo de comidas estalle concedido á empresa Serunión, que nos últimos anos recibiu graves críticas, e mesmo lle retiraron a concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro. Pásase fame e vense na obriga de mercar na cafetaría da resi-dencia, por exemplo, e non se teñen en conta as problemáticas alimentarias de ninguén. Hai un completo abandono.

—E como están a ser o verán e as fins de semana?
Nesta última fin de semana teño coñecemento de que non había ninguén da dirección do centro, ningún médico de garda e, nin sequera, alguén para asistencia social. Quéixanse de que non hai unha soa persoa que quede un sábado ou un domingo polo que poida pasarlles ás persoas usuarias e que pagan por estaren atendidas. Deixan as persoas maiores soas e se, por exemplo, unha non quere cear non cea... ninguén dirixe o centro.

—E se hai unha emerxencia?
Téñense dado casos de persoas que, por exemplo, padeceron unha caída fortuíta, pola noite, na súa habitación. Neses casos houbo que ir ao hospital e á persoa doente houbo que porlle puntos de sutura, ou fa- cerlle curas, revisala en xeral. Ten pasado iso sen que ninguén do persoal se ocupase ata bastante tarde. Hai usuarias que permaneceron varias horas de madrugada, literalmente tiradas no chan, agardando que alguén fora na súa axuda, nun baño ou nun dormitorio no que non funcionaba o timbre e sen persoal que oíse as súas queixas. Por se isto non fose suficiente, cando se reincorpora o médico titular da residencia as persoas usuarias, que confían en min, cóntame que se ten dado o caso de que nin sequera as revise, que nin pregunte que foi o que aconteceu... Traballan con persoas maiores que poden ter problemas de insomnio, atoparse mal no medio da noite, que poden querer ducharse, ou que poden decidir saír e non hai ninguén que as atenda.

—Pero como consecuencia dun incidente así, pode estar pauta- da unha medicación...
No último caso do que tiven coñecemento, unha das persoas usuarias ademais de ter que fa- cer curas, tiña dor de cabeza, o médico do centro nin a revisou, e o resto de persoal auxiliar, segundo me comentan sempre as residentes, para calquera tipo de dor o único que administran é Nolotil. Así está a cousa.

—Esa situación lévaos a reclamar con urxencia unha serie de medidas. Cales son?
Desde a Asfareba pedimos, en canto ao Barreiro, en primeiro lugar a dimisión da directora, Sara Iglesias, e en xeral , pero tamén en xeral para as 30 residencias DomusVi que hai na Galiza, queremos un cambio drástico das condicións nas que malviven as persoas usuarias; un persoal acorde co momento que estamos a vivir. É preciso que se actualicen as ratios óptimas, porque o que temos agora está obsoleto, data de 1996. E, por suposto, unha lei de resi- dencias, que aquí a Xunta pode sacala adiante porque temos as competencias transferidas.

"Sufrimos 47 mortes en Vigo e 38 en Aldán"

No inicio da pandemia a residencia DomusVi do Barreiro (Vigo) foi das primeiras con contaxios. Paulino Campos fala do "forte impacto emocional que iso supuxo", e despois chegaron a ter "200 positivos entre Aldán (Cangas) e O Barreiro, dúas residencias que suman 300 persoas usuarias". O peor foi cando chegaron as mortes, "o 17 de marzo solicitamos a intervención pública destas residencias", di o presidente da REDE, unha intervención que "se produciu 13 días despois da alarma e do SOS que lanzamos naquel momento". Desta dilación as familias, di Campos, "responsabilizamos a Xunta, porque a carga viral nesas residencias foi en claro aumento", asegura.

 

Agora, meses despois do traslado de usuarias sans de xeito temporal a outros lugares, a situación do centro vigués segue a supor, nas súas palabras, "o mesmo abandono de sempre".