Este é o patrón que segue Sanidade e que colapsará máis a Atención Primaria este verán

Concentración en defensa dunha "atención sanitaria digna". (Foto: Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo)
Analizamos as causas da "caótica" situación.

A situación na que se atopa tanto a Atención Primaria nos centros de saúde da zona sur de Lugo -dependentes da área sanitaria de Lugo-A Mariña- Monforte- pola falta de persoal e a sobrecarga de traballo xa é “caótica”, advirte CIG-Saúde.

Segundo o sindicato, en todos os centros se repite o mesmo patrón.

-Ausencias de profesionais sanitarios que non se cobren.

-Áreas administrativas desbordadas de traballo, xa que ao cotiá hai que lle sumar novas aplicacións que se van implantando e que non se reforzan con máis persoal.

-Aumento considerábel da poboación desprazada –turistas- doutros servizos de saúde que se manterá, previsíbelmente, até outubro ou novembro.

-A non substitución de profesionais cando collen  baixas e permisos provoca sobrecarga de traballo nos centros de saúde.

Segundo CIG-Saúde, a situación no caso concreto do Centro de Saúde de Monforte é “caótica, e a medida que avance o verán irá a peor”. “Neste centro en quenda de mañá hai 10 médicos e 10 enfermeiras, tres pediatras e dous enfermeiros de pediatría. En quenda de tardes hai dous médicas, un enfermeiro e outro deslizante que traballa tres días de tardes e dous de mañá. A día de hoxe hai tres facultativos que están de baixa. Outro médico xubilouse en xaneiro e a súa praza non foi cuberta de xeito estábel”, di.

Isto significa que “as e os pacientes destes catro cupos se reparten entre o resto do persoal, co que se incrementa a carga de traballo”. Así, “15.000 pacientes están a ser atendidas por seis ou sete médicos, o que obviamente supón unha enorme sobrecarga para as e os profesionais”.

“No verán –engade- queda o centro cun 66% de enfermería e o persoal médico adoita quedar ao 66%, pero moito nos tememos que quede só un máis dun día no verán, cando as dúas facultativas que están collan vacacións".