Crise dos pellets

O patrón maior de Muxía volve á carga: "Mil sacos na costa é unha cagada de mosca nun campo de fútbol"

Pellets de plástico na praia coruñesa de Sabón. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Daniel Castro sae ao rescate da Xunta da Galiza e arremete duramente contra o Goberno estatal, que cualifica de "ditadura": "Estamos vivindo peor que na ditadura de Franco. É unha ditadura encuberta, pero non unha ditadura do noso Estado, senón unha ditadura de Hitler, que xa é falar, eh".

O patrón maior de Muxía (comarca de Fisterra), Daniel Castro, volveu cargar esta cuarta feira contra os "ecoloxistas do tres ao cuarto" en relación coa chegada de millóns de pellets ao litoral galego. "Se non houbese o 18 de febreiro [polas eleccións], non habería nada, porque mil sacos na costa da Galiza ou en toda a costa do Cantábrico é igual á cagada dunha mosca no medio dun campo de fútbol", asegura.

"Están a desacreditar o meu mundo -os ecoloxistas- para que o meu peixe perda criterio, están a sacarme o meu nome a min, o que eu son, do que eu vivo, estes do tres ao cuarto que son uns ecoloxistas que se cadra teñen unha subvención do Estado que eu nunca tiven na miña vida, que viven do que eu produzo", afirma hoxe n declaracións á axencia Europa Press. "Por unhas putas (sic) eleccións facer semellante balbordo e complicar a tanta xente no medio", reprocha.

Así se expresa despois de que esta pasada terza feira arremetese tamén contra os ecoloxistas, nunhas declaracións acompañado do conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, acusándoos de "querer gañar unhas eleccións á conta das bolitas", segundo recollía La Voz de Galicia nun vídeo que se viralizou nas últimas horas a través de redes sociais.

"Todos os anos, polos invernos, polos outonos, aparecen nas praias miles de cousas desas, e como agora que hai unhas eleccións imos facer un Prestige a ver se coas bolitas sacamos algún voto a esta xente", recrimina esta cuarta feira. "Crees que se non houbese o 18 de febreiro ía haber algo?", pregúntase.

Sinala tamén que mareas negras "toda a puta (sic) vida houbo", pois "ás praias chegan todos os anos de todo". "Accidentes sempre vai haber, e vai haber máis accidentes cando as navieiras non están censadas en países de verdade", apostila.

Culpa o Goberno estatal

Cre que comparar esta marea de plástico co Prestige é como "comparar o touciño coa velocidade". "Aquí fallou un estamento", dixo, que "é a raíz" e que "é Fomento". "Se no Goberno tes unha manda de incompetentes, pois temos o que temos", asevera. "Se se sabe isto desde o 8 do mes pasado, que pasou iso, o que tiña que facer Salvamento Marítimo, que dirixe o Estado central, era os medios aéreos e que ten de salvamento mobilizalos", co que así "non chegaban ás praias".

"Se o teu sabes unha cousa e non a atallas en tempo, que pasa, que despois o responsábel é o 'segundón'? Tíñano que atallar desde o primeiro día no mar", reprocha ao Goberno español. E é que "non é o mesmo sacar 900 sacos" a que os pellets cheguen soltos á costa, de modo que "agora hai que sacar a contagotas" ese material. "A raíz está nos primeiros días", incidiu, pois "95% dos sacos saíron intactos para fóra, se houbese unha xente que pensase e soubese o que é o mar, as correntes son sempre predominantes para aquí para arriba", prosegue na súa argumentación.

Preguntado sobre como está a situación en Muxía, Castro asegura sobre os pellets que "han de chegar os que teñen que chegar, e nada máis". Remarca que os sacos "que veñen á praia non van romper" e que "o problema é se tocan as pedras". "Á costa chega de todo, agora porque hai unhas putas (sic) eleccións...".

En opinión de Castro, peixes "como unha maragota" non comerán estes pellets debido a que flotan, polo que só afectará "as aves ou algún peixe voador da superficie". "Se iso fose para o fondo, era grave, porque o peixe tírase ao branco", di. "É grave ao chegar ás praia para o marisqueo por se tragan, e para o marisqueo depende". "Para min para o que é máis malo é para as aves", opina.

"Como nunha ditadura"

"Estou a falar en contra miña, porque despois, se cadra, toman represalias en contra de min", di o patrón maior de Muxía. "Estou a falar a verdade e, por desgraza neste país, non somos libres, non se pode falar, estamos vivindo peor que na ditadura de Franco, as persoas non podemos abrir a boca porque, se non, castígannos por outros medios", agrega. "Estamos a vivir unha ditadura encuberta, pero non unha ditadura do noso Estado, senón unha ditadura de Hitler, que xa é falar, eh, se non de Stalin", conclúe.