O patrón do 'Pitanxo' insiste na súa inocencia e en que Samuel Kwesi mente

O patrón do 'Pitanxo' e o seu sobriño. En traxe, o avogado defensor. (Foto: Europa Press)
24 horas despois de declarar, fontes xudiciais comezan a desvelar algúns detalles sobre as versións dos tres sobreviventes do Vila de Pitanxo.

O patrón do pesqueiro galego Vila de Pitanxo afundido en augas do Canada o pasado 15 de febreiro, Juan Padín, volveu insistir no día de onte que un dos sobreviventes do naufraxio, Samuel Kwesi, mente na súa versión do ocorrido, e mantén que foi unha parada repentina do motor a causa do naufraxio.

Segundo fontes consultadas por Europa Press que desvelaron novos detalles da súa comparecencia, Padín asegurou que o testemuño de Samuel non se axusta á verdade.

Para explicar a súa versión, indicou que nos documentos que recollen a velocidade do buque en cada momento pódese observar que en ocasións o barco ía a unha velocidade ou a outra minutos antes do seu afundimento (entre un e catro nós). Tal como subliñou na súa declaración, isto non podería suceder se o aparello estivese enganchado no fondo do mar, xa que o barco non podería desprazarse.

Asemade, o patrón non soubo explicar por que non se usaron as bengalas de alerta e indicou que, a pesar de haber unha manta térmica no interior do Vila de Pitanxo, non foron capaces de collela para utilizala.

Máis detalles

Preguntado pola posibilidade de acender o motor auxiliar, o capitán deixou claro que si se podería facer, pero diso encargábase a sala de máquinas. Tamén explicou que tardaría entre 15 e 20 minutos, polo que "non houbo tempo" para facelo, xa que "foi todo moi rápido".

Tamén asegurou que el si deu a orde de porse os traxes de supervivencia que había, un total de 31 para 24 tripulantes, pero que son os mariñeiros os que teñen que collelos e polos.

Declaracións de Samuel Kwesi

As mesmas fontes confirmaron a Europa Press que Samuel Kwesi, o terceiro sobrevivente do Vila de Pitanxo, relatou a mesma versión de anteriores declaracións, mais engadindo pequenos matices.

O mariñeiro insistiu en que o feito de que as redes embarraran no fondo do mar foi o causante de que o barco tivese unha entrada masiva de auga, e non unha parada repentina do motor, como si afirma o patrón do pesqueiro galego.

Contradicións do sobriño do patrón

O terceiro dos mariñeiros sobreviventes do Pitanxo e sobriño do patrón do pesqueiro galego, Eduardo Rial, manifestou numerosas contradicións na súa declaración, segundo constatan fontes xudiciais a Europa Press.

Nun momento da súa declaración, o Fiscal tivo que chamarlle a atención por relatar o ocorrido dunha maneira totalmente distinta a como o fixera en anteriores declaracións.