RECORRE A MULTA

O patrón do 'Cabo de Hornos II' confía na retirada do expediente por izar a bandeira galega

Manuel Iglesias agradece o apoio da Confraría da Coruña e confía en que se paralice o expediente. “É que non ten nin pés nin cabeza”, sinala.

Manuel Iglesias, armador e patrón do pesqueiro 'Cabo de Hornos II', que se expón a unha sanción de até 120.000 euros por izar a bandeira galega, presentou alegacións ao expediente aberto pola Capitanía marítima de Santander. Un recurso feito, sinala, grazas ao apoio e colaboración da Confraría da Coruña e que confía que sexa admitido e tido en conta. “É que non ten nin pés nin cabeza o que está a pasar”, afirma.

A bandeira galega segue a ondear no 'Cabo de Hornos II'. “E aí vai seguir mentres eu viva”, di, ao tempo que indica que a enseña de Galiza estivo durante moito tempo izada no seu pesqueiro sen “ter nunca ningún problema”. Até hai unhas semanas en Santoña, onde estaba atracado, e onde a Garda Civil cursou unha denuncia por ter a bandeira galega canda a española e ambas as dúas do mesmo tamaño. A lei establece que a galega non pode superar un terzo do tamaño da española.

Apoio do sector

Iglesias quixo agradecer o apoio recibido neste tempo. “Moita xente chamoume para dicir que me apoiaban e que o que me pasaba non tiña sentido”. O patrón e mariñeiro aponta tamén que “por dignidade, todos os barcos deberiamos izar a bandeira galega” para amosar, sinala, “que estamos orgullosos da nosa nai, Galiza”.