Patrimonio en risco: reproban unha sesión fotográfica sobre un dolmen en Tordoia

Imaxe promocional da SD Tordoia no dolmen de Cabaleiros denunciada por Apatrigal. (Foto: Apatrigal)

A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego denuncia o uso do dolmen de Cabaleiros, en Tordoia, como escenario dunha sesión fotográfica na que varias persoas aparecen subidas ao monumento vestindo a camiseta dun equipo de fútbol, advertindo do dano físico e simbólico que este tipo de prácticas supón para un ben arqueolóxico milenario e chamando á responsabilidade colectiva na súa conservación.

A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) vén de denunciar publicamente o uso indebido do dolmen de Cabaleiros, no concello de Tordoia (comarca de Ordes), tras difundirse unha fotografía na que catro persoas aparecen subidas ao monumento megalítico vestindo a camiseta da SD Tordoia, nunha imaxe vinculada á promoción do equipamento vintage do club.

A entidade lembra que os dolmens "non son decorados nin plataformas para sesións fotográficas", senón "monumentos funerarios con miles de anos de antigüidade, extremadamente fráxiles", que chegaron até a actualidade grazas ao "respecto de xeracións enteiras". Desde Apatrigal subliñan que camiñar ou subir ás lousas do monumento, ou utilizalo como "fondo publicitario", supón "unha falta de respecto" ao patrimonio común e "contribúe directamente ao seu deterioro".

Desde a asociación advirten tamén do impacto simbólico e educativo deste tipo de accións, xa que "transmiten á xente nova a idea de que este comportamento é algo normal".

No comunicado difundido nas redes sociais, a entidade fai fincapé en que a conservación do patrimonio non depende só das administracións, senón tamén "da conciencia e responsabilidade de quen os visita". "Ou mesmo de quen os utiliza para promocionar un equipamento de roupa dun equipo de fútbol", sinalan.

A asociación fecha a súa denuncia cun chamamento claro á conciencia social: "Se queremos que sigan aí mañá, temos que empezar por baixar deles hoxe".

Pola súa parte, a SD Tordoia xa eliminou das súas redes a fotografía que suscitou a denuncia de Apatrigal.