Patrimonio dos Ancares documenta nun dolmen de Friol un “gravado inédito” na Galiza

Notificaron o achado a Patrimonio da Xunta e piden que o catalogue como BIC.

photo_camera (Foto: Patrimonio dos Ancares)

O Colectivo Patrimonio dos Ancares informa que, “grazas ao compañeiro Brais Rodríguez Romero”, documentaron o que cualifican como  “gravado inédito, e cremos que único en Galiza, no dolmen da mámoa número 2 da necrópole da Costa de Mera, na parroquia de Guldriz, concello de Friol”, na comarca de Lugo. 

Este colectivo explica que na parte inferior da cara interna dun dos esteos que forman a cámara megalítica vense “unhas catorce liñas radiais que parten dun círculo. Trátase dunha representación do astro sol”.

Se ben se consideran como soliformes algúns gravados aparecidos “nun reducidísimo número de dólmen de Galiza”, son “moi esquemáticas e de non doada interpretación”.

Porén, indican, na que veñen de documentar en Friol “é clarísima, non admitindo dúbidas en canto á figura que quixeron representar os construtores deste enterramento megalítico duns 6.000 anos de antigüidade. Ademais, dáse a circunstancia de que está orientado xusto cara o este, cara a saída do sol”.

Este dolmen, que aínda conserva sete esteos da cámara megalítica, foi descuberto polo investigador Juan F. Núñez Jato a finais dos anos oitenta do pasado século XX, e visitado a mediados dos anos noventa polos arqueólogos César Parcero Oubiña e Carlos Otero Vilariño quen documentaron na parte superior dun dos chantos tres cruces gravadas de factura moi posterior, “mais non o sol”, di Patrimonio dos Ancares.

Na Península, sinalan, para ver unhas figuras tan nidias do sol insculpidas nun dolmen, aínda que tamén moi escasas, “hai que trasladarse a Andalucía, Cataluña, Estremadura ou Portugal”

“Na comunicación enviada a Patrimonio da Xunta solicitamos que por posuír este excepcional gravado, o enterramento reciba a máxima protección legal e o cataloguen como Ben de Interese Cultural (BIC). Tamén lle suxerimos a necesidade dunha intervención arqueolóxica para determinar se neste ou no resto de esteos poden aparecer máis gravados, traballo fundamental para poder formular as hipóteses sobre o seu posible significado”.

Comentarios