Patricia Porto é educadora social e libreira

Patricia Porto: "Queremos que o movemento feminista nos teña como espazo para usar e lugar de intercambio"

Patricia Porto e Mon Vilar rexentan a libraría Lila de Lilith, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
A libraría Lila de Lilith, Santiago de Compostela, vén de facer o seu décimo aniversario esta semana. O proxecto de Patricia Porto e Mon Vilar é un referente do movemento feminista na Galiza. Especializada en obras de autoras, a libraría oferta obradoiros e presentacións de libros vencellados co feminismo e coa igualdade. Xogou e segue a xogar un papel moi importante na evolución do movemento feminista na capital galega e no país. Ambas as dúas foron evolucionando xuntas desde o nacemento 
da libraría.  

Como naceu a libraría?

Nós viñamos dun proxecto anterior que se chama Lilith: Acción social e educativa, no que traballábamos temas de educación e igualdade.

Tratábamos temas de autoestima e empoderamento con mulleres adultas. En 2011, a crise económica, sumada a unha crise interna dese primeiro proxecto obrigaron a reinventar e a buscar novas saídas. Eu coñecía outras librarías de mulleres repartidas polo Estado español e por outros países. Era unha idea que me gustaba moito e pensei que se podía desenvolver algo semellante en Compostela. Co apoio de moitas persoas, atopei o espazo para facelo, tendo en mente continuar co aspecto educativo e formativo da anterior etapa, ao mesmo tempo que rexentábamos unha libraría feminista cunhas características particulares e específicas.

Que supón para o proxecto alcanzar o décimo aniversario?

É unha grande alegría. Tradúcese en moito traballo de resistencia e moita preocupación. Nestes anos vimos como outras librarías tiveron que fechar e iso desanima un pouco, mais nós conseguimos sacar o proxecto adiante. Supón unha gran ledicia este aniversario, porque significa chegar até onde chegamos, e sobre todo poder continuar coa libraría como até o de agora. 

Que actividades e iniciativas desenvolven no marco do ámbito educativo?

Seguimos a manter obradoiros sobre igualdade e prevención da violencia que realizábamos en centros de ensino para alumnado e mestrado. A compañeira Mon trasládase aos centros para impartir este tipo de faladoiros. Tamén contamos cunha gran variedade bibliográfica que recomendamos. Está acotada e escollida para cada tramo de idade. Ademais, na propia libraría tamén se teñen desenvolto obradoiros vencellados con temas de xénero e feminismo: presentación de libros e obras de autoras; dinamización de faladoiros sobre estes temas; obras de teatro... Agora mesmo a pandemia paralizou bastante todas estas actividades, mais seguimos a traballar neste eido. Somos unha libraría feminista. Todas as obras que están expostas seguen esa idea. Lila de Lilith é unha libraría de autoras, na que tamén se teñen en conta aspectos relacionados co contido. Sempre quixemos ser un continente, non un contido. Que o movemento feminista nos teña como un espazo que poidan empregar e un lugar de intercambio para as persoas que veñan.

Que acollida tivo na cidade?

Foi moi boa desde a apertura. A xente, cando entraba pola porta do local, sempre nos dicía que era algo moi positivo que aparecese un proxecto deste estilo. Despois de dez anos de vida, eses mesmos comentarios seguen estando presentes no noso día a día. Que aportamos algo diferente á Santiago. A reacción e a participación da xente coas diferentes actividades que facemos -unha ou dúas a semana antes da pandemia- é moi boa. De feito, a maioría son propostas da xente de fóra que nos comentan para facer. Penso que iso é un síntoma de que este é un proxecto colectivo.

Que papel xogou Lila de Lilith no movemento feminista de Santiago?

Nós xa viñamos dese movemento feminista e estábamos implicadas, polo que realmente evolucionamos con el. Quero pensar que si xogamos un papel máis ou menos importante. Por un lado, como lugar simbólico de referencia que a xente coñece. Tanto pola bibliografía clásica e moderna sobre feminismo como pola confección dun espazo de encontro no que colaboramos con moitos colectivos feministas.

Temos ese vínculo con eles, e eles mesmos se relacionan entre si no noso local. Cubrimos tanto o eido práctico como o simbólico.