Margarida Corral

"O patriarcado segue enraizado no capitalismo e actúa contra todas e todos nós"

Margarida Corral, secretaria confederal de Muller da CIG

Este domingo fechamos con Margarida Corral, secretaria confederal de Muller da CIG, esta serie de entrevistas do #VenhanMais5. Ao longo de máis de dous meses, foron aparecendo neste espazo múltiples voces do país para achegarnos as súas impresións e tamén as súas achegas e suxestións sobre o futuro de Sermos. Moitas grazas a todas elas!

-Como avalías o estado actual da igualdade?

 

-A evolución cara á igualdade de oportunidades estancouse. É máis, eu diría que está en retroceso. Non só seguen vixentes estruturas desigualitarias coas que as mulleres temos que enfrontarnos en todos os ámbitos, que limitan a nosa capacidade para exercitar plenamente e en igualdade cos homes os dereitos fundamentais das que somos titulares, senón que tanto os recortes como a posta en marcha de políticas polos gobernos tanto da dereita como socialdemócratas durante estes anos de crise económica fixéronnos retroceder na conquista dos nosos dereitos: reforma da lei do aborto, LOMCE, recortes en dependencia, en sanidade e en servizos sociais públicos, recortes que tamén afectaron a loita contra a violencia machista, ou os efectos da aplicación de normas regresivas como a reforma laboral ou a reforma das pensións. Políticas de recorte económico que en seguidiña pasaron ao recorte ideolóxico, do recorte de dereitos ao recorte de liberdades. Iniciativas deseñadas para empobrecer a clase traballadora galega, para criminalizar a protesta, e para devolver as mulleres ao rol reprodutivo e de coidado.

 

A diversidade funcional, a diversidade sexual, lingüística, ou a diversidade racial ou étnica son asuntos que tamén debemos poñer no foco, porque as discriminacións que teñen a súa orixe na discapacidade, na cor de pel, por mor da lingua empregada, ou en relación coa opción sexual escollida pola persoa seguen a condicionar a calidade de vida das persoas, e tamén se incrementaron durante estes anos.

 

Agardo de Sermos que continúe a criar unha axenda informativa propia

 

-Que evolución agardas da igualdade a cinco anos vista?

 

-Imos precisar moitos anos para recuperar os dereitos perdidos e saír da situación de precariedade e de inxustiza que estamos a vivir. É preciso combater estes ataques. Calquera acción emancipadora que levemos a cabo debe conter unha análise, unha crítica e un recoñecemento de que o patriarcado segue enraizado no capitalismo, no poder, e de que este actúa contra todas e todos nós. É preciso rebelármonos contra as medidas que pretenden facernos retroceder na conquista dos nosos dereitos. Só pola vía da mobilización, esixindo a derrogación das normativas regresivas e un cambio do sistema seremos quen de recuperar os dereitos perdidos e avanzar en igualdade.

 

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

 

-Que continúe creando unha axenda informativa propia, capaz de xerar debate político e social sobre Galiza, na nosa lingua,  e sobre as cuestións que nos afectan, dando voz a persoas e colectivos que a prensa “do sistema” invisibiliza, oculta e silencia. 

Agardo que o semanario poida pasar a ser o xornal diario impreso de referenza das galegas e dos galegos e que se consolide como a ferramenta de información dixital de máis uso do país.