Facultade Ágora

Os patinetes e os coches eléctricos, cuestionados como elementos de mobilidade alternativa

A Facultade Ágora retomará as aulas o 3 de setembro (Imaxe: Rafa Estévez)
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez e as e os relatores da Facultade Ágora destacaron a importancia das mobilidades activas -a pé e en bicicleta- por cuestións de saúde, de seguranza viaria e de recuperación de espazo para as persoas.

O sexto seminario da Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra, sobre o espazo público, puxo sobre a mesa a necesidade de mobilidades alternativas para desenvolver correctamente as cidades e fomentar a calidade de vida da cidadanía.

As expertas e expertos foron claros: é preciso desbotar como solución os patinetes e os coches eléctricos, que só abordan o problema das fontes de enerxía e a contaminación, mais non contribúen a un cambio de modelo no que se potencie a saúde, nin a recuperación de espazos para as persoas, nin a seguranza viaria.

Uxío Benítez aposta nunha mobilidade activa

O deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez asegurou na súa introdución que nas cidades e vilas é preciso apostar realmente por unha mobilidade activa, camiñar e andar en bicicleta, fronte aos vehículos motorizados e á electrificación.

Criticou que os fondos Next Generation de reconstrución estean centrados na aposta polas zonas de baixas emisións e os coches eléctricos, en lugar de realmente formular un cambio no modelo urbano que teña como prioridade a cohesión social. “Por que en lugar dunha Lei de Cambio climático non hai unha lei de zonas peonís? Hai realmente unha visión curta das e os gobernantes ou hai tantos intereses creados?”, cuestionou.

As persoas relatoras

Na xornada tamén estiveron presentes o xeógrafo, matemático e técnico urbanista Alfonso Sanz, que traballou como consultor en máis de 30 cidades españolas, colaborando na súa planificación urbanística e de mobilidade; o arquitecto experto en cidades en desenvolvemento, mobilidade sustentable, análise espacial, planificación e modelado de fluxos peonís José Carpio-Pinedo; a ex responsábel da Oficina Metropolitana da Bicicleta en Barcelona e coordinadora da Rede de Cidades pola Bicicleta, que desde marzo 2021 traballa para o Concello de Barcelona como adxunta á xerencia do arquitecto xefe, nos proxectos de transformación urbanística e de mobilidade da cidade, Silvia Casorrán; o arquitecto urbanista e doutor en Goberno e Proxecto do Territorio pola Politécnica de Milán, cuxa tese versa sobre a evolución de la Cidade Difusa das Rías Baixas, Martín Barreiro; e finalmente o enxeñeiro especializado en planificación do transporte e coordinador de Contidos da Facultade Ágora, Fernando Nebot.

Alfonso Sanz criticou duramente patinetes e coches eléctricos como solución definitiva á mobilidade nas cidades e destacou que a Lei de Cambio climático afectará as vilas de máis de 50.000 habitantes, obrigando a crear zonas de baixas emisións, mais destacou que esta normativa inclúe o Plan nacional da enerxía e clima (Peniec) que realmente ten como obxectivo reducir un 35% os quilómetros percorridos.

Alfonso Sanz chama a facer máis accesíbel o espazo público

Subliñou que, no caso de vilas pequenas, o fundamental é seguir transformando o espazo público para facelo máis accesíbel, entendendo as travesías como parte da cidade onde hai circulación de vehículos pero estes deben entrar como invitados.

Pola súa banda, José Carpio tamén criticou as zonas de baixas emisións e a electrificación por facer referencia unicamente ao tema ambiental. Insistiu en que se está a roubar espazo á cidadanía e preguntou que acontecerá cando en 15 anos toda a frota de vehículos xa sexa eléctrica.

José Carpio critica as zonas de baixas emisións

O relator recoñeceu que a Facultade Ágora cubre moitos temas relativos ao tratamento do espazo público e reúne eminencias en diversos campos: “Dá gusto ver estas iniciativas que vinculan o coñecemento experto aterrándoo nos concellos, xa que é importante que as e os técnicos e políticos municipais cheguen a el. Hai que tomar como obxectivo e foco o espazo público como lugar de encontro, de transición ecolóxica... Outras deputación deberían tomar nota”, dixo.

Silvia Casorrán e a mobilidade "alternativa"

A arquitecta Silvia Casorrán falou do concepto de mobilidade alternativa entendido como mobilidade activa, poñendo en cuestión o de ‘alternativa’ para os desprazamentos a pé xa que se trata da mobilidade que existiu antes que calquera outra.

En relación á Facultade Ágora subliñou que é moi interesante como proposta conxunta para traballar a nivel técnico e político sobre o espazo público.

Martín Barreiro e o Camiño Real

Pola súa banda, Martín Barreiro, do Estudo Rurban formado con María Masaguer, tratou as mobilidades alternativas en contextos rururbanos como o das Rías Baixas. A súa conferencia estivo practicamente centrada nun caso práctico no que o seu estudo leva a traballar 10 anos no Morrazo, o Camiño Real que une Moaña e Cangas como unha vía alternativa para camiñar e ir en bicicleta á estrada para vehículos rodados.

Sobre a Facultade Ágora Barreiro sinalou que se trata dunha iniciativa única e excepcional porque pon ferramentas para actuar ao alcance das persoas que toman as decisións.

Fernando Nebot e o transporte colectivo

Finalmente, o enxeñeiro e coordinador de contidos da Facultade Ágora, Fernando Nebot, falou sobre o transporte colectivo e puxo sobre a mesa que a distribución territorial dispersa que fai que as liñas regulares non sexan axeitadas, nin tampouco o aproveitamento do transporte escolar.

Coa realización deste seminario sobre Mobilidades Alternativas fecháronse os dous primeiros bloques da Facultade Ágora, o do bo urbanismo, centrado na planificación dos espazos públicos, e o da boa mobilidade, no que se falou do tráfico necesario e de como debe ser a mobilidade para que as persoas teñan a prioridade nos seus desprazamentos.

As clases retomaranse o 3 de setembro

As clases retomaranse o 3 de setembro con visións máis plurais sobre o espazo público, falando dos diferentes hábitats e tamén introducindo a parte económica, comercial, as problemáticas sanitarias, infantil, de xénero e de persoas con discapacidade.