A pastorear baleas na Galiza

[Imaxe Rutas VIvas]

Rutas Vivas ofrece un roteiro que percorre a historia destes animais no noso país. 

 

Na Galiza había baleas e cazábanse. Unha historia pouco coñecida do noso país mais que se prolongou até ben entrado o século XX. Agora, a empresa Rutas Vivas, que ofrece servizos de guía por espazos naturais protexidos, recupera a súa pegada através dun roteiro. 

"O título é unha brincadeira", asegura Fernán López en conversa con Sermos Galiza, referíndose a "pastoreando baleas". O seu obxectivo, di, é "facer un percorrido pola historia da caza de baleas e reflexionar sobre os recuros naturais". Neste senso, di, "plantexamos que pasaría se no canto de exterminar se empregase un criterio de sostibilidade". A situación, afirma, "sería distinta" pois, moi probabelmente, estes mamíferos acuáticos non terían desaparecido das nosas costas. Cando menos, non algunhas das especies que máis presenza tiñan como a balea franca. 

O roteiro é o resultado dun "proceso de investigación" que se prolongou durante "meses", explica López. No seu cerne, di, "o máis importante" do roteiro é "que o público leve unha idea da importancia que tivo para o país a caza da balea", mais tamén, "da súa desaparición". 

Da Atalaia a Caneliñas

Neste senso, o proxecto consta de "dúas partes" que se desenvolven entre San Cibrao e Cee. 

"San Cibrao foi o porto de referencia" e conserva "o topónimo da Atalaia onde se divisaban as baleas", embora o primeiro ser o de Priorio. Aí comeza a andaina, co despregamento "dunha lona que xira sobre un caxato e un arpón". Esta imaxe, situada nun espazo natural "é espectacular", afirma Fernán López. "Impresiona". 

O roteiro pasa pola carpintaría de Francisco a última en facer embarcacións artesás

A continuación a seguinte parada é unha "carpintaría de Ribeira, a última que fai barcos artesáns" e na que o seu artesán, Francisco, fixo reproducións das embarcacións baleeiras. Nese lugar, "falamos da figura do arponeiro e das lendas das baleas". 

A terceira parada leva @s visitantes até o Museo do Mar onde se atopa unha sala específica sobre a comercialización do cachalote e a balea franca, as principais especies ás que se lles deu caza na Galiza. O último exemplar foi cazado en 1985 e o porto de Caneliñas (Cee) era o principal punto de venda pois alí se localizaba unha das factorías máis importantes. 

Neste emprazamento, Rutas Vivas propón coñecer "un enfoque máis moderno a respeito da caza e do aproveitamento do animal" através da cartografía da época.