Pasteira lusa explota eucalipto xa en 12 concellos galegos

Instalacións da pasteira lusa Navigator.
Navigator Company, antiga Portucel, suma máis de 1.000 hectáreas na Galiza

The Navigator Company (antiga Portucel), a principal pasteira de Portugal, materializou en 2019 o seu anuncio de que ía desembarcar en Galiza para cultivar eucalipto. Unha manobra coa que superar o escenario que se lle formulou a esta empresa coa prohibición decretada polo Goberno de Portugal até 2030 na plantanción de eucalipto. Se aquí non se pode, deberon matinar en Navigator, pasemos o Miño a un territorio onde non hai problema algún para esta especie.

Navigator adquiriu a mediados de 2019 en Galiza 500 hectáreas arrendadas para cultivar eucalipto. E posuía naquela altura “dois a três comerciais a angariar hectares adicionais”, sinalábase en Jornal dos Negocios.

Dous anos despois, esa superficie que a principal pasteira lusa explota na Galiza duplicouse até superar as 1.000 hectáreas.

Estas explotacións espállanse xa por 12 concellos galegos con cadansúa unidade de xestión, “de acordo cos principios expresos na política forestal” da Xunta, destaca a compañía. Galiza produce a metade da madeira que importa Navigator para abastecer as súas fábricas, as importacións (o 25% do volume de madeira que usa) complétanse con árbores procedentes do Brasil e Uruguai.

Pandemia

En 2020, a empresa recoñeceu que a pandemia xerou dificultades na xestións dos arrendamentos de terra, ao dificultar os confinamentos a actividade regular do departamento comercial coas propietarias, tamén indica unha maior competencia sobre os mesmos terreos, a pesar do cal salientan que coas máis de 1.000 hectáreas arrendadas “globalmente os resultados foron atinxidos”.

Navigator, que opera na Galiza coas filiais Navigator España, SA, Bosques do Atlántico, SL e Navigator Tissue Iberica SA, analiza no informe que este ano presentou aos seus accionistas as súas vías de abastecemento, entre elas a relevancia dos parques loxísticos cos que conta na Galiza, que funcionan como puntos de entrega desde os que se envía a madeira por tren.

Incendios

En Portugal hai 811.000 hectáreas de eucalipto, o 26% do total da superficie forestal. En febreiro de 2018 entrou en vigor a norma que impide a plantación de eucaliptos até 2030, motivado polas ducias de persoas que faleceran en incendios nos anos anteriores.