O passcovid xa é obrigatorio en residencias, hospitais de día e ximnasios

O TSXG invalidou a exixencia do certificado Covid na hostalaría porque o Goberno galego non o solicitara (Foto: Úrsula Prego).
Desde este sábado é preciso o pasaporte Covid para entrar en ximnasios ou piscinas; para as persoas visitantes e acompañantes a centros sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con discapacidade; para visitantes e acompañantes de pacientes en hospitais de día para tratamento oncolóxico e de diálise e hoteis de pacientes; e para acceso a eventos multitudinarios ou que teñan autorizada a venda de alimentos e bebida.

A Galiza incorpora este sábado, 18 de decembro, novas medidas para controlar a pandemia vinculadas ao pasaporte Covid. Así, como medida xeral, continúa a ser preciso amosar este certificado, no caso da poboación maior de 12 anos, para acudir a restaurantes, a bares a partir das 21 horas, aos albergues de peregrinos, a discotecas e a visitar a algún paciente ingresado.

Mais desde hoxe, tamén é preciso o pasaporte Covid para a práctica deportiva non federada -como entrar en ximnasios e en piscinas-, para as e os visitantes e acompañantes a centros sociosanitarioas residenciais de maiores e de persoas con discapacidade; para visitantes e acompañantes de pacientes en hospitais de día para tratamento oncolóxico e de diálise e hoteis de pacientes; e para acceso a eventos multitudinarios ou aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos e bebida para o seu consumo durante estes días.

Ademais, na quinta feira, a Xunta publicou a prórroga do certificado Covid en hostalaría (para restaurantes todo o día e outro tipo de estabelecementos desde as 21 horas), coa novidade incorporada de que quedan prohibidos os eventos de cócteles de pé e actos de recepción con aperitivo. Cómpre lembrar que na hostalaría xa foron reducidas as mesas a oito comensais en interior e 15 en terraza.

Con todo, esta medida en concreto entrará en vigor a semana que vén, é dicir, os cócteles que estivesen de antemán programados para esta fin de semana -do 18 e 19 de decembro- están permitidos, de maneira que se endurecen as medidas para as datas festivas do Nadal.

Todas as medidas do Diario Oficial da Galiza (DOG) estarán vixentes até 18 de xaneiro.