Continúa o medo na USC

Que pasou coa iluminación no Campus de Compostela?

Colexio Maior Fonseca, unha das zonas nas que se demanda máis seguridade

O curso pasado as mozas galegas dixeron basta. A estudante de fotografía Jessyca Ocampo sacaba en xaneiro o chamado Mapa do Medo, no que recollía agresións en Compostela. Axiña colleu forza até se converter nun proxecto colectivo, con testemuños de toda Galiza. Na USC axudou o espertar da conciencia colectiva do estudantado e a creación da campaña Campus do Medo.

 

En maio todo parecía ter collido un pulo mediático. O propio Concello de Compostela reuniuse con representantes do grupo a fin de elaborar un plan de iluminación da cidade, incidindo especialmente no Campus Sur.

 

Porén, rematado o curso e a vida universitaria todo quedou como estaba. Xa non se escoitan as demandas, xa ninguén fala das agresións. Mais seguen a suceder. Segundo datos oficiais, cada 3 días unha muller é violada en Galiza. Entre as universitarias, son rumor popular as zonas a evitar de noite.

 

O pasado 18 de outubro, o concello compostelán aprobou por unanimidade unha proposta do BNG para cooperar activamente coa USC no alumeado das rúas. Dende o Bloque insisten en que  “as mulleres deberán ter o dereito á mobilidade segura na cidade que habitan ou estudan e correspóndelles ás administracións en colaboración coas institucións universitarias, adoptar as medidas necesarias para frear esta situación”.

 

Mentres non se materializaren as demandas das estudantes, a inseguridade estará a orde do día. Polo momento non se sabe a data de comezo do acondicionamento en materia de seguranza

 

No entanto, mentres non se materializaren as demandas das estudantes, a inseguridade estará a orde do día. Polo momento non se sabe a data de comezo do acondicionamento en materia de seguranza.

 

Segundo Concello e Universidade agárdase comezar coas melloras “de inmediato”. A zona prioritaria a alumear é a do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, que coincide co camiño a Monte da Condesa, unhas das principais residencias de estudantes. Con todo, dadas as condicións de traballo do observatorio esta iluminación deberá ser pactada para que non interfira nas tarefas científicas do centro.

 

En palabras de ambos organismos, “outras intervencións inmediatas teñen que ver coa roza e limpeza de maleza en varias zonas do campus e a realización de obras de acondicionamento, accións que cada administración acometerá dentro do ámbito das súas competencias”.

 

Dende os colectivos feministas e estudantís demándase que non se acondicione só unha zona concreta senón todas, incluíndo o Campus Norte. “A Administración escúdase en que só poden actuar naquelas zonas con demandas oficiais, o cal deixa as mulleres nunha situación de indefensión total. Moitas non denuncian por medo”, din dende Curuxa, colectivo promotor do Campus do Medo.

 

O que as administracións fagan a partir de agora será determinante para a súa imaxe. Será fundamental que conten coa intervención e axuda de colectivos estudantís, que por outra parte parecen terse desinchado coa chegada dun novo curso. A falta de resposta e de medidas concretas resultou na práctica desaparición dunha plataforma de voces críticas e experiencias en primeira persoa. 

 

Nota: As fotos están tiradas da páxina da USC