Xulgados exclusivos de xénero

Un paso máis na atención específica da violencia machista

Material da última campaña do 25-N na Galiza contra as violencias machistas.
Formación e especialización son os argumentos que se superpoñen cando se trata de respaldar a creación de novos xulgados con competencias exclusivas en violencia de xénero para a Galiza. Profesionais implicadas no seu tratamento reclaman que a incorporación da perspectiva de xénero nestes órganos se estenda máis alá do proceso xudicial e chegue a todos os servizos e institucións implicadas na atención ás mulleres superviventes.

A Coruña e Vigo son as dúas únicas localidades galegas que contan con xulgados de violencia sobre a muller, é dicir, unidades que atenden de forma exclusiva estes casos. No resto de  partidos xudiciais, as denuncias van a un xulgado de instrución especializado nesta materia, pero que debe compaxinar este labor con outros procedementos.

Malia que, nas súas peticións para a creación de novos xulgados para este ano, o Tribunal Superior de Xustiza non incluíu ningún exclusivo para o tratamento da violencia machista –si existe unha proposta do Consello Xeral do Poder Xudicial para especializar dous penais en Lugo e Ourense, que se encargarían do axuizamento destas causas, e o acordo do BNG co PSOE para investir Pedro Sánchez presidente recollía a creación de xulgados específicos en Compostela, Lugo e Ourense– son moitas as voces profesionais involucradas nesta materia que apostan pola dedicación exclusiva como unha ferramenta útil para mellorar a atención nesta clase de delito, que nos primeiros dous meses de ano xa cobrou a vida de dúas mulleres na Galiza e que xera máis de 6.500 denuncias anuais no noso territorio. 

Formación e especialización son os argumentos que máis se repiten na súa defensa. "É un dos grandes pasos que hai que dar", estima a xuíza Paz Filgueira, que durante oito anos estivo á fronte do xulgado exclusivo de Vigo, e que considera que esa exclusividade "incentiva a vítima a poñer a denuncia, obter protección e continuar co procedemento xudicial até o final, porque se sente máis amparada, comprendida e escoitada". 

A formación que adquire o persoal xudicial é, para a especialista, outra das claves para reforzar a atención ás mulleres nesta situación, que tamén require doutros mecanismos, desde as axudas económicas a longo prazo, maiores garantías de habitabilidade ou unha protección máis especializada. 

Nese sentido, Filgueira lembra que o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero aconsella este mecanismo e contempla a comarcalización de xulgados específicos como opción para para atender zonas xeográficas amplas, cando os números non dan para dotar un único partido xudicial. Pon un exemplo: un xulgado exclusivo en Compostela podería centralizar a atención a mulleres até Padrón, "sempre que as vítimas poidan desprazarse, porque hai que pensar en causarlles o menor prexuízo".

A perspectiva cambia cando a interlocutora está, ou estivo, do outro lado. Así lle ocorre a Marta Rodríguez Engroba, presidenta da asociación Si, hai saída, de Lugo, unha entidade que desde hai seis anos acompaña e asesora vítimas da violencia de xénero. Como supervivente, reclama medios e especialización do persoal que atende estes casos, mais non só no xulgado, senón tamén na Policía, onde atopa maiores eivas. "Os recursos materiais son necesarios, sen eles non facemos nada, pero se non temos o persoal e a atención adecuada, de pouco valen", observa.

Tamén cuestiona o servizo que podería prestar un xulgado exclusivo nun ámbito territorial extenso e, como é o caso de Lugo, rural. "Sen transporte público, illadas, con persoas maiores ou menores ao seu cargo... Como farían estas mulleres cada vez que tivesen que comparecer en Lugo?", pregúntase.

En Ourense, o xulgado de instrución número 3 asume as competencias en violencia sobre a muller. "Está colapsado, porque non só tramita as denuncias, que van máis rápido, senón tamén os asuntos civís derivados –ordes de afastamento, pensión de alimentos, réxime de visitas...– ", expón a letrada Fátima Salgado, vocal segunda da xunta de goberno do Colexio de Avogacía desta cidade. Como analiza, esa acumulación de tarefas xera atrasos que poden facer demorar a cobertura das mulleres ou da súa descendencia, que "require especial protección". 

 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube