Paseos dunha hora, a non máis dun quilómetro da casa e acompañados dunha persoa adulta

Tres crianzas poderán saír de paseo acompañadas dunah persoa adulta.
Os nenos e nenas menores de 14 anos poden comezar a saír da casa a partir deste domingo. Poderano facer sempre que cumpran as medidas de seguridade que recolle a orde ministerial publicada hoxe no Boletín Oficial do Estado.

Os paseos permitidos ás crianzas a partir deste domingo, 26 de abril, deberán axustarse ás limitacións acordadas polo Goberno: unha saída diaria, entre as 9 da mañá e as nove da noite, a un quilómetro da casa, sen pisar parques, zonas de xogo nin instalacións deportivas.

Porén, poderán circular por calquera vía pública, por espazos naturais e zonas verdes, e deberano facer sempre acompañadas dunha persoa adulta. Pode ser alguén que conviva coas menores ou unha coidadora que estea ao seu cargo. Neste caso, a acompañante deberá contar cunha autorización asinada polos pais ou titoras.

Unha persoa adulta

Durante a saída, unha soa persoa adulta poderá acompañar até un máximo de tres crianzas. Será a responsábel de que cumpran coas restricións e manteñan a distancia mínima de seguridade con outras paseantes, de polo menos dous metros.

Ademais destes paseos o Goberno mantén que as menores de 14 anos poidan acompañar a unha persoa adulta á compra, á farmacia ou nas saídas excepcionais previstas durante o estado de alarma. A rapazada maior de 14 anos podería saír soa para facer algún destes recados.

Menores tutelados pola Xunta

A orde ministerial difundida este sábado estabelece, tamén, que as nenas e nenos contaxiados ou en corentena por un posíbel contaxio non poderán saír das súas casas; e deixa en mans dos Gobernos terrioriais a regulación das saídas no caso das menores tuteladas pola Administración, acollidas en centros públicos.

Prórroga do estado de alarma

Doutra banda, o Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este sábado o real decreto polo que se prorroga o estado de alarma até o 10 de maio, aprobado esta sexta feira polo Consello de Ministros após a luz verde do Congreso dos Deputados.

O texto lembra as actividades permitidas durante a vixencia do estado de alarma e habilita o Ministro de Sanidade para modificar, ampliar ou restrinxir as medidas, lugares, estabelecimentos e actividades previstas desde o 14 de marzo, por razóns xustificadas de saúde pública, así como o alcance e o ámbito territorial específico que se determine.

Reestabelecemento da normalidade

Se os datos dispoñíbeis sobre a evolución da enfermidade ao cabo desta terceira permiten concluír que se acadaron os obxectivos fixados para esta nova fase, podería darse "un escenario de gradual levantamento das medidas" de confinamento, sinala o BOE.

Con todo, recolle, o reestabelecemento da normalidade requirirá mantener durante un tiempo adicional as medidas de mitigación socioeconómica a fin de recuperar a actividade produtiva e de emprego dos sectores máis afectados.