A pasarela de Agrela, en obras medio ano despois da súa apertura

Inauguración da pasarela que une Agrela co centro comarcial Marineda City.
A obra, chamada aser "emblema da cidade" da Coruña, custou dous millóns de euros.

A pasarela peonil que une o polígono industrial de Agrela coa área comercial Marineda City na Coruña está en obras. Medio ano despois da súa inauguración, esta "obra icónica", "chamada a converterse nun emblema" da cidade, segundo sinalou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o día da súa estrea, está pechada á circulación e co pavimento levantado, pendente de renovar o firme.

Estou convencido de que está tan ben feita que quedará para sempre.

"É unha escultura a ceo aberto, patrimonio público da cidade", destacou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, durante o acto inaugural, "coa utilidade de preservar a seguridade viaria, conectar os traballadores do polígono e facilitar a 18 millóns de cidadás que entren neste gran centro comercial. Estou convencido de que está tan ben feita que quedará para sempre", remarcou.

A ponte, de 200 metros de lonxitude abriu ao público o 11 de decembro de 2019, con case un ano de atraso e rodeada de polémica polos excesos da propia inauguración. Custou dous millóns de euros. Seis meses despois, aproveitando os días de confinamento e a parálise comercial, a Administración galega acomete obras de reparación co fin de arranxar os defectos que comezaron a agromar ao pouco da súa apertura e sen apenas uso.