Pasa a disposición policial o detido pola morte da súa parella na Coruña

Concentración na Coruña, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
A vítima recibiu, segundo informou esta segunda feira a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, decenas de puñaladas con "bastante asañamento".

O home detido este domingo, día 15, pola morte da súa parella na Coruña pasou na mañá desta terza feira a disposición xudicial, segundo confirmaron fontes xudiciais.

O asasinato da muller produciuse na rúa San Isidoro, na SagradaFamilia. A vítima recibiu, segundo informou esta segunda feira a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, decenas de puñaladas con "bastante asañamento".

O home foi o que confesou á súa ex muller-coa que ten dous fillos en común- "que acababa de matar á súa parella actual" e foi ela quen avisou a Emerxencias. Após acudirse a Policía Nacional no domicilio no que convivían, procedeuse á detención do presunto agresor e localizouse o coitelo.

A falecida estaba incorporada no sistema VioXén con motivo dunha agresión física rexistrada en setembro de 2024. Nese momento, explicou a subdelegada do Goberno, aplicouse o Protocolo Cero, activado para actuar de oficio "cando as vítimas non se deciden a denunciar nun contexto de espiral de violencia de xénero".

Esta agresión derivou en procedemento xudicial que o pasado 27 de maio concluíu cunha sentenza "condenatoria" para o home que incluía unha "pena de afastamento en fase de execución". O detido, de 61 anos, orixe peruana e nacionalidade española e a vítima -- de 49 anos e peruana -- contraeron matrimonio en maio.