Partos humanizados, o dereito a decidir das mulleres

[Imaxe Bernard Plossu]

Na Galiza, só o hospital do Salnés cumpre coas directrices marcadas na Estratexia de Atención ao Parto Normal subscrita en 2007. 

 

No número 150 do semanario en papel publicamos unha reportaxe intitulada Violencia obstétrica, a (outra) soberanía das mulleres. Recoñecida únicamente como unha forma de violencia de xénero polas lexislacións venezuelana, arxentina e mexicana, a violencia obstétrica representa a “apropiación” dos corpos e dos “procesos reprodutivos das mulleres” por parte do “persoal da saúde” através dun “tratamento deshumanizador , dun “abuso de medicalización e patoxización dos procesos naturais”.

Fronte á esta realidade érguese unha outra que defende unha “atención máis persoanlizada e humana” durante a xestación e o parto. Así describen desde a asociación O Parto é Noso a Estratexia de Atención ao Parto Normal desenvolvida desde o Ministerio de Sanidade español en 2007 e que na Galiza foi posta en práctica de maneira rigorosa polo Hospital do Salnés. “O resto [de complexos hospitalarios]  tentan incorporala mais os protocolos acostuman ser moi ríxidos aínda”, sinalan desde o colectivo.

Naquela altura puxéranse de acordó profesionais da Xinecoloxía, usuarias, matronas, enfermeiras e anestesistas para elaboraren unas “directrices seguindo as pautas marcadas pola Organización Mundial da Saúde” á fin de desenvolver de maneira progresiva un tratamento  humano nos nacementos.  Porén, “poucos hospitais o fixeron” e moitos aínda son “reticentes” a facelo, pois, “exixe un cambio de mentalidade, confiar nas mulleres e volver a un parto máis fisiolóxico”, sinalan desde O Parto é noso.

Cambiar de mentalidade

Beni Martínez é matrona en Vilalba. Após trinta anos de profesión asegura que o “parto humanizado” é aquel no que se “respectan as decisión das mulleres”. “Desde que cheguei ao hospital os partos humanizáronse moito, as cousas melloraron” mais fica lonxe de se cumpriren as directrices que fixa a OMS neste senso.

“É difícil cando te acostuman a partos medicalizados cambiar de mentalidade”

“É difícil cando te acostuman a partos medicalizados cambiar de mentalidade”, apuntan desde O Parto é Noso. Un feito que, no entanto, non se atopa no Salnés.

Analía deu a luz neste hospital. Está grávida de novo e asegura que a “experiencia” foi “tan boa” que volverá a repetir. Coñeceu o parto humanizado e a posibilidade de acceder a el através de Saraiba e de O Parto é Noso. “Faláronme de distintas opción e comezamos a valóralo en serio”. Corría outubro de 2012.

Analía procuraba “respecto sobre todo ás decisión que queríamos tomar” e comezou por asistir ás “charlas informativas” que organiza o hospital a partir das 33 semanas de xestación. Esta muller asegura que “cada parto é un parto distinto” polo que “haberá 50 mil experiencias distintas” mais non dubida en afirmar que o seu foi “feliz”.

Respectar as decisións das mulleres

Nas xuntanzas previas preparara un “plan de parto” desenvolvido através dun cuestionario que facilita o propio centro hospitalario. Nel a muller determina “cando queres cortar o cordón [umbilical] informándote, se queres epidural desde o comezo ou non, se queres vacinar a crianza nada máis nacer ou agardar”. Analía pregúntase, “todo isto sucede e ninguén pregunta?” nun parto convencional.

Nunha das revisións rompeu augas. “Levabamos o plan e seguírono, respectaron todas as decisión, ninguén forzou nada”.

“Levabamos o plan de parto e seguírono, respectaron todas as decisión, ninguén forzou nada”

No hospital do Salnés os partos humanizados decorren nunha sala específica, acondicionada. “A sala é tal cal cha describen”. “Un espazo acolledor, silencioso, de cores claras”. “Non había batas verdes”, lembra.

“Dixéronme que me puxese na posición que quixese e permítenche que acomodes a habitación como queiras, agás animais de compaña podes levar de todo, mesmo candeas”. “Sentímonos coma na casa”, afirma.

Polo que lle contan amizades e persoas coñecidas no Hospital de Ourense, por exemplo, “hai unha sala de parto natural mais non é o mesmo que no Salnés”. Hai que solicitala previamente e o protocolo é máis ríxido. Aliás, explica, “hai que dar mil batallas para acceder e o tratamento non é o mesmo”.

Preguntada polas dificultades para acceder a este servizo Analía sinala que hai “demanda” polo que deberían “facerse cargo” desde a administración garantindo partos naturais e humanos, sempre que sexa posíbel. Porén, apunta, “determinados axentes perden protagonismo e a posición relevante que manteñan” polo que a vontade por disponibilizar un outro tratamento nos hospitais está suxeito a máis “intereses”, di.