As partículas que fan perder 16.800 anos de vida na Galiza

Panorámica da cidade da Coruña. (Foto: Arxina)
A Unión Europea cifra en ao redor de 600 anos os que se perden por cada 100.000 habitantes na Galiza como consecuencia da exposición das persoas ás partículas PM2.5, aquelas suspendidas no aire e que teñen un diámetro de menos de 2.5 micras. A materia particulada inclúe substancias químicas orgánicas, po, feluxe e metais.

Os 600 anos perdidos por cada 100.000 habitantes na Galiza —e que suporía que entre toda a poboación galega se perdesen 16.800 anos de vida— é unha porcentaxe que fica por baixo da media da Unión Europea. onde son 735 anos; e que se mantén parella á que rexistran a maioría dos territorios de Portugal e do Estado español.

Os efectos que as partículas causan na saúde das persoas estiveron historicamente asociados á exacerbación de enfermidades de tipo respiratorio, tales como a bronquite, e máis recentemente tamén se analizaron e demostráronse os seus efectos sobre doenzas de tipo cardiovascular. 

Os últimos traballos científicos suxiren que este tipo de contaminación, e nomeadamente as partículas procedentes do tráfico urbano, está asociado con incrementos na morbimortalidade —falecementos causados por enfermidade— da poboación exposta e ao crecente desenvolvemento da asma e alerxias entre a poboación infantil.

Facilmente respirábeis

No caso das partículas PM2.5, o seu tamaño fai que sexan 100% respirábeis, xa que viaxan profundamente nos pulmóns, penetrando no aparello respiratorio e depositándose nos alvéolos pulmonares, mesmo poden chegar ao torrente sanguíneo. 

Ademais, estas partículas de menor tamaño están compostas por elementos que son máis tóxicos —como metais pesados e compostos orgánicos— que os que compoñen, en xeral, as partículas máis grandes. As vagas de calor que afectaron a Galiza durante o verán elevaron a contaminación do aire por ozono no país. Así se desprende do informe de Ecoloxistas en Acción, con datos recollidos entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2022 en 32 estacións oficiais de medición da calidade do ar.

Debido ás actuais características climáticas da Galiza, informou o colectivo, a formación de ozono no ar é "moderada", evitando así "que se alcancen as elevadas concentracións que teñen lugar noutros territorios da península". 

Porén, os seus niveis "aumentaron" en comparanza cos dous anos da pandemia por mor do efecto de veráns "demasiado cálidos", se ben non se alcanzaron os rexistros dos exercicios previos. O último, "o máis quente de, cando menos, os últimos 60 anos".

Custo económico

Un total de 808 millóns de euros cada ano. Isto é o que lles custan ás sete cidades galegas os gastos asociados á contaminación do ar. Esta é a cifra que se extrae dunha análise elaborada en 2021 pola consultora holandesa CE  Delft.  

Este estudo investiga os custos sociais para a saúde da polución en 432 cidades europeas de 30 países do continente, tamén as galegas. Para as 432 cidades, nas que viven por volta de 130 millóns de persoas, cuantificouse un impacto económico de 166 billóns de euros. Deles, 808 millóns son na Galiza.