Social

Traballadoras do 061 de Lalín teñen material de protección grazas ás doazóns de particulares

Ambulancias do 061 (Sergas).
"Estamos traballando grazas á solidariedade da xente", aseguran traballadoras consultadas por Nós Diario, que xa contan con máis recursos para protexerse de maneira preventiva do coronavirus. 

As traballadoras e traballadores das ambulancias do 061 da zona de Lalín avisaran da súa precaria situación a respecto do material de protección do que dispoñían para saír aos avisos. Nestes días, elas e eles tamén son a primeira liña na atención na crise sanitaria derivada do coronavirus. 

O seu chamamento foi recibido por moitas particulares, que foron quen suministraron equipos de protección a estas traballadoras. "Estamos traballando grazas á solidariedade da xente", recoñecen a Nós Diario

A compra de máscaras, monos de protección, batas, luvas, gafas protectoras segue a ser "moi difícil" para a empresa da que dependen. Mais a achega de moita xente posibilitou que agora teñan uns medios que a pasada semana estaban a piques de esgotarse e poñían en risco o funcionamento do servizo de ambulancias en Lalín. 

Un técnico de ambulancia conta a Nós Diario que moita xente da costa lles facilitou material que lles quedou da catástrofe do Prestige, aqueles monos brancos cos que se saía a recoller o chapapote e tamén gafas e máscaras. 

Propietarias dun salón de belleza leváronlles as máscaras das que dispoñían, uns veterinarios cedéronlle os monos que empregan para traballar, un carpinterio regaloulles as máscaras que non estaba a utilizar... Incluso déronlles pantallas protectoras que se fixeron cunha máquina de impresión 3D en Compostela. 

"Cinco de aquí, dez de alí...", relata este traballador, agradecido pola implicación da xente ao saber da súa situación. Os nervios son os mesmos "porque a tensión é moita" polo risco de contaxios e o feito de non saber quen pode ter o virus. Porén, agora teñen como protexerse para previr o coronavirus.