Participación de arredor de 65% nos cribados do Sergas

Cribado masivo no Instituto Feiral de Vigo, este sábado (Foto: Marta Vázquez / Europa Press).
Sanidade incrementa os cribados nas principais cidades para detectar os casos asintomáticos e frear o avance da Covid.

Esta fin de semana, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) está a realizar cribados masivos en diferentes puntos da xeografía galega, entre os que cómpre salientar Compostela, Vigo e A Coruña.

Na capital galega, un equipo formado por 24 profesionais está a cargo dun cribado ao que foron chamadas perto de 9.000 persoas de entre 41 e 45 anos, por tratarse da franxa de idade de maior prevalencia no municipio e que, polo xeral, acostuma a coidar tanto a cativos como a persoas maiores.

Segundo puido saber Nós Diario, a realización das probas PCR (os resultados estarán dispoñíbeis entre 24 e 48 horas despois) decorreu "con normalidade e sen esperas", debido á porcentaxe de participación, que roldou 65% no Recinto Feiral de Amio, unha cifra semellante á rexistrada en anteriores cribados na Galiza.

Na Coruña, pola contra, o cribado está dirixido á poboación de entre 18 e 60 anos, e ten lugar en ExpoCoruña. Cada día están convocadas perto de 4.500 persoas.

No caso de Vigo salienta a elevada mostra: arredor de 22.000 persoas foron citadas no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) para se someteren a test serolóxicos (resultados en 15 minutos) desde o sábado até o vindeiro mércores.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, desprazouse á cidade olívica para supervisar o cribado e agradecer ás e os voluntarios o seu labor.

Outros puntos de cribado

Esta fin de semana, o Sergas tamén está a realizar cribados no Carballiño, Poio, Betanzos, Silleda, e Sarria.