Parroquias sen ningún veciño

En 2 parroquias galegas xa non vive ninguén, e en sete hai menos de 5 habitantes. 32% da poboación galega habita en zonas pouco poboadas que ocupan case 94% do territorio.

San Salvador de Soutomerille, no concello de Castroverde, e San Martiño de Rebordondo, en Monterrei, son dúas parroquias onde xa non vive ninguén. Cero habitantes, segundo as estatísticas do IGE. Noutrora terían, como o resto de parroquias do país, núcleos de poboaión, veciñanza, festas parroquias, tarefas e traballos mais xa non fica nin quen poida ter memoria daquela época.  Son as dúas parroquias deshabitadas. Un risco que paira sobre outras sete, que teñen menos de 5 veciños. As parroquias con menos de 10 habitantes son 31.

 

En Galiza hai 3.792 parroquias civís, que teñen a súa orixe nas parroquias eclesiásticas galegas. A despoboación ao longo destes anos deixa pegada en moitas delas, nalgunhas dun xeito realmente preocupante. Hai sete parroquias galegas que camiñan cara a ficar despoboadas, sen un só veciño a vivir nalgunha das aldeas que as integran. Coñeciamos, desde hai anos, o fenómeno das aldeas despoboadas, abandonadas. Mais non o das parroquias, o que supón un paso máis na desertización poboacional. 

 

Na parroquia do Barón, en San Amaro, xa só hai dous veciños, unha muller e un home. Na de Fontao (A Teixeira) e San Vitoiro da Mezquita (Merca), fican 3 persoas en cada una. Catro son os veciños que fican en Cantoña (Baños de Molgas) e A Alberguería (Vilar de Barrio). Cinco en Cortegazas, no concello de Avión.

 

O contraste con isto son as seis parroquias galegas que teñen máis de 50.000 habitantes. Son as parroquias da Coruña (213.000 persoas), Vigo, concello de Vigo (200.000), Ourense, con 99.000; Lugo, con 90.000; Santiago de Compostela, 79.000; e Pontevedra, parroquia do concello de Pontevedra, con 62.000.