Un párroco de Zas chama "manda de porcas" ás feministas e "gilipollas" aos votantes do BNG

Captura do tweet, que o propio párroco borrou.

Despois de borrar as publicacións, Francisco Rafael Gómez-Canoura pide desculpas polas súas palabras e afirma que foi "unha reacción en quente". Manuel Muiño (BNG), alcalde de Zas, cualifica de "desafortunadas" as afirmacións escritas polo párroco.

O párroco de varias parroquias do concello de Zas, Franciso Rafael Gómez-Canoura, chamou "manda de porcas" ás feministas na súa conta de Twitter nunha mensaxe que foi borrada pero cuxas capturas circulan polas redes sociais. Ademais, tamén cualificou de 'gilipollas' as e os votantes do BNG despois de que o deputado nacionalista Néstor Rego non participase na rolda de consultas do rei Felipe VI.

"Por que teño eu que soportar que unha manda de porcas me diga 'o violador es ti'? As violadoras sodes vós que tentades forzar as nosas conciencias'", publicou hai uns días na súa conta de Twitter o párroco Gómez-Canoura, que decidiu 'resetear' a súa conta nesta rede social.

Ese mesmo día, o cura tamén tuiteou sobre a rolda de consultas do rei Felipe VI para a investidura no Estado: "Eu son moi monárquico, máis que ningún de vós, moito máis. Mais o Rei é idiota ao designar o Sr. Sánchez. Vai na súa contra".

Ademais, cualificou de 'gilipollas' as e os votantes do BNG despois de que o seu deputado nas Cortes, Néstor Rego, decidise non acudir ao Palacio da Zarzuela para ser recibido polo monarca no marco da rolda de consultas para a investidura: "A deputada do BNG pola Coruña (sic) di que non se reúne co Rei porque non é unha figura democrática... Os que a votastes xa sabedes que sodes imbéciles ou queredes máis explicación?".

Esta terza feira, despois do borrado de todas as mensaxes publicadas até a data, o sacerdote indicou nun tuit que decidiu empezar "de cero esta nova conta, xa que algunhas cousas foron mal". Precisamente, preguntado por Europa Press sobre as súas palabras, o párroco pediu "desculpas" aos aludidos e remitiuse a outro tuit no que asegura que a reacción foi "en quente" e cualifica a súa publicación de "inapropiada e desafortunada".

Pola súa banda, preguntado por Europa Press polas palabras do párroco, o alcalde de Zas , Manuel Muiño (BNG), cualificou de "bastante desafortunadas" as afirmacións escritas polo párroco. "As diferentes formas de pensar, as ideas, sempre que se comuniquen con respecto caben dentro da democracia", manifestou o rexedor, que considerou que, neste caso, "insúltase" tanto ás feministas como as persoas votantes do BNG.

"Son insultos a persoas que pensan diferente", incidiu o rexedor que pediu "respecto" ao colectivo feminista e lembrou as distintas discriminacións que sofren as mulleres. "É un tema moi serio que non se debe tratar de forma banal", apuntou.