Os parques infantís continúan fechados na Galiza na "nova normalidade"

Parque infantil de Belvís (Arxina)
Gobernos municipais culpan a Xunta do atraso.

Unha das novidades máis agardadas por parte das nais e pais galegos da denominada "nova normalidade" era o da reapertura dos parques infantís de todo o país, mais os requisitos estabelecidos pola Xunta da Galiza provocaron que moitos continúen clausurados.

Polas distintas cidades e vilas sucedíanse as queixas por non poder facer uso destes servizos públicos, o que incluso provocou polémica entre as distintas formacións políticas.

Así, o Concello de Santiago de Compostela xa deixou claro a través do seu alcalde, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, que estas instalacións non abrirían "antes do 1 de xullo".

"Prefeririamos que non se adiantase a saída da Galiza do estado de alarma, porque así poderiamos afondar e traballar con máis tempo na preparación da cidade á nova normalidade e a este escenario de extraordinaria complexidade, pois non tivemos tempo material de adaptación aos requisitos do Goberno galego para poder contar con todos os espazos e servizos en plenitude", indicou Bugallo.

50 quilómetros máis ao sur, en Pontevedra, o Concello sostén unha postura moi similar, pois considera que as condicións estabelecidas "non" se poden facer respectar no par de días dos que dispuxeron, e considéraos "absurdos mesmo desde o punto de vista sanitario".

Catro normas básicas

O Diario Oficial da Galiza (DOG) indica catro normas para poder abrir os parques infantís. A primeira estabelece que non pode haber máis dunha persoa por cada catro metros  cadrados "de espazo computábel de superficie do recinto". Por outra banda, o DOG tamén chama a respectar a distancia de seguridade interpersoal e a usar medidas de protección, como as máscaras; levar a cabo estritos protocolos de limpeza e hixiene -incluíndo a súa desinfección diaria- ou a instalar dispensadores de xel hidroalcohólico