Os parques eólicos tramitados antes de 2025 estarán exentos de reservar enerxía para os usuarios galegos

Parque eólico da serra do Candán, entre as comarcas do Carballiño e O Deza. (Foto: Arxina)
Goberno e oposición volveron enfrontarse onte na Cámara galega a conta da política enerxética. Nun momento en que Galiza conta con 3.931 MW eólicos en funcionamento e outros 14.063 MW en tramitación, a Xunta da Galiza promove unha lexislación para acelerar o desenvolvemento das renovábeis.

A política eólica volveu enfrontar onte o Partido Popular e os grupos da oposición no Parlamento da Galiza. O deputado nacionalista Xosé Manuel Golpe acusou o Goberno galego de xerar “inseguridade xurídica” e salientou o "rexeitamento social" existente ao actual modelo, debido a que, entendeu, a Xunta da Galiza optou por "fuxir do dereito administrativo" na súa tentativa de "desburocratizar" o sistema. A socialista Patricia Igrexas, na súa quenda, cargou contra o PP polo que considerou unha “política nefasta”, baseada nas "présas", dado que "se autorizaron máis parques no último ano que nos anteriores dez", e que "non ten en conta a sostibilidade ambiental".

O popular Rubén Lorenzo, pola súa parte, afirmou que "políticas boas" son "aquelas que reverten en beneficio da xente”. "Non esperamos a súa aprobación, porque temos a responsabilidade de gobernar este país", engadiu. O debate desenvolveuse tras un pleno dos orzamentos onde o PP foi acusado de "pregarse" ás demandas da patronal eólica por asumir parte das súas demandas nas emendas a Lei de medidas fiscais e administrativas, coñecida popularmente como 'Lei de acompañamento' dos orzamentos.

3.931 megawatts (MW) eólicos en funcionamento e outros 14.063 MW en tramitación estarán exentos de destinar unha porcentaxe da súa produción aos consumidores e consumidoras galegas. Así se recolle, nunha emenda presentada polo PP, a Lei de acompañamento, que sinala que “a presente disposición non será de aplicación aos procedementos que se atopen en tramitación, atendendo ao estabelecido no artigo 31.3, con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2025”.

A citada lei volve ser empregada un exercicio máis para modificar a lexislación eólica. Se na proposta formulada polo Goberno galego fixábanse 16 mudanzas normativas, unha vez rexistradas as emendas do Partido Popular ao texto suman 21. Ao tempo, defínense ás liñas dun novo Plan Sectorial Eólico, cuxa aprobación corresponderá ao Parlamento da Galiza.

As propostas recollidas nas emendas do PP á Lei de acompañamento están en liña coas demandas formuladas nas últimas semanas polas patronais eólicas. Así, o Goberno galego renuncia a fixar unha rebaixa do prezo da electricidade para aquelas empresas e particulares emprazadas nas zonas onde se sitúan os parques eólicos. A este respecto, recolle a posibilidade de “formalizar contratos de subministración de enerxía a medio ou largo prazo (PPA) a un prezo predeterminado”, unha opción xa permitida.

As iniciativas do PP buscan ampliar as áreas onde situar parques eólicos. Nesta liña, autoriza a posta en funcionamento destes “fóra das áreas de desenvolvemento eólico existentes”, cando os proxectos sexan “declarados de especial interese público social” polo Goberno galego. Ao tempo, propoñen “a designación de zonas de aceleración renovábel eólica” situadas en espazos actualmente non autorizados para usos eólico, o que implica que esta actividade poderá desenvolverse, practicamente, en todo o territorio galego, agás naquelas zonas declaradas de Rede Natura.

O canon eólico

A nova configuración do canon eólico reduce os ingresos das administracións públicas e incrementa os beneficios das compañías enerxéticas. Se na actualidade estas estaban obrigadas a tributar 5.900 euros por cada un dos aeroxeradores do parque eólico, agora deberan achegar 75 euros por cada metro de aeroxerador en funcionamento. Malia que a medida se xustifica pola progresiva diminución do número de turbinas eólicas como consecuencia das repotenciacións e a súa substitución por aparellos de máis potencia e altitude, os datos certifican  que este modelo xera máis ganancias para as eléctricas.

Un exemplo disto atópase no parque eólico Muras I, emprazado no concello chairego do mesmo nome. Mentres actualmente a compañía titular do parque debe ingresar anualmente á Administración 436.000 euros, a razón de 5.900 euros por cada un dos 74 aeroxeradores, unha vez repotenciado só estaría obrigado a achegar 117.562 euros, a razón de 75 euros por 11 aeroxeradores de 142,5 metros de altitude. Na mesma dirección, o parque eólico de Corme, en Ponteceso (Bergantiños), xeraba ás arcas públicas 359.900 euros antes da repotenciación; coa normativa proposta agora, porén, o seu titular só debe tributar 78.750 euros.

A repotenciación dos parques eólicos é outro dos aspectos regulados na Lei de acompañamento dos orzamentos. Neste caso, o Partido Popular defende que con carácter xeral se efectúen transcorridos 30 anos desde a entrada en funcionamento dos parques; porén, condiciónaas á que sexan “económica e tecnicamente viábeis”, abrindo, polo tanto, a porta a que non se executen en determinas circunstancias. Unha proposta, que coincide coa das empresas enerxéticas, que adoitan acometer as repotenciacións cando as instalacións fan 30 anos, período de duración da vida útil dos aeroxeradores.

Galiza, de feito, conta actualmente co parque de aeroxeradores máis antigo de todo o Estado español, con 3.300 aeroxeradores anteriores ao ano 2005.

A potencia eólica terrestre en tramitación é de 14.063 MW

O negocio eólico na Galiza marcha vento en popa. Malia as críticas da patronal eólica e da Xunta da Galiza que denuncian unha paralización do sector como consecuencia dos autos do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), a realidade é ben diferente. Tanto é así que a potencia eólica terrestre actualmente en tramitación sitúase en 14.063 megawatts (MW), superando a actualmente instalada en 10.672 e superando en 6.063 MW a proxectada para 2030 pola Axenda enerxética galega elaborada polo propio Goberno galego.

A potencia eólica paralizada polo TSXG está próxima a 1.200 MW, o que significa 6,6% do total da potencia en funcionamento e tramitación na actualidade. A maiores, as compañías enerxéticas teñen solicitado autorización diante do Ministerio para a Transición Ecolóxica para pór en marcha 20 instalacións de eólica mariña fronte as costas galegas, que suman unha potencia de perto de 13.000 MW. Así as cousas, atópanse en tramitación diante do Goberno galego e o estatal máis de 27.000 MW de orixe eólica.

O impulso á produción renovábel complétase cos proxectos hidráulicos en marcha: prevense instalar nos vindeiros cinco anos 3.685 MW, só 47 MW menos dos actualmente en funcionamento.