O parque eólico de Avoceta Solar na Ribeira Sacra ameaza a Rede Natura

Asemblea veciñal contra o parque eólico de Avoceta en Carballedo, na comarca de Chantada (Foto: Nós Diario).

O proxecto do grupo Avoceta Solar de erguer un parque eólico nas comarcas do Carballiño, Chantada e Ourense están a xerar unha grande preocupación entre a veciñanza da zona. A instalación está formada por oito aeroxedores dunha altitude de 200 metros e prevé unha potencia instalada de 48 megawatts (MW). O proxecto ten recibido máis de 150 alegacións na fase de exposición pública.

Avoceta Solar, integrado no grupo madrileño Ignis, propiedade de Antonio Sieira Mucientes, unha das 100 persoas máis ricas do Estado cun patrimonio valorado en máis de 625 millóns de euros, conta con licenza da Xunta da Galiza para levantar unha instalación eólica nos municipios de Carballedo, na comarca de Chantada, de Coles, na comarca de Ourense, O Pereiro do Aguiar, na comarca de Ourense, Ourense, na comarca homónima, San Cristovo de Cea, na comarca do Carballiño, e Vilamarín, na comarca de Ourense.

O proxecto recolle a posta en marcha de oito aeroxeradores de 200 metros de altitude cunha potencia total instalada de 48 MW. Avoceta Solar destaca que que o parque está emprazada nunha zona de 3.500 horas de vento ao ano, o que representa unha capacidade de xeración de 168.000 MWh e uns ingresos anuais cos prezos medios da luz en 2023 de 14,6 millóns de euros ano. Neste sentido, a empresa recuperaría o investimento en tres anos ao ser o custo total da actuación de 44,7 millóns de euros.

A carón das vivendas

A proximidade dos aeroxeradores ás vivendas e aos espazos de Rede Natura 2000 é unha das cuestións que máis preocupa aos veciños. Nesta liña, explican nas súas alegacións que en diversos concellos como Carballedo, Coles ou Vilamarín os aeroxeradores están a menos de 500 metros das casas, lembrando que “os tendidos eléctricos de alta tensión están a menos de 200 metros de núcleos habitados ou a menos de 100 metros de vivendas illadas”.

Os alegantes explican nos escritos rexistrados diante da Xunta da Galiza que “no caso que nos ocupa, a afectación á biodiversidade, á flora, fauna, zonas protexidas e poboacións próximas, é tan alta que as repercusións a medio prazo serán  devastadoras para a zona e lindeiras”. Neste punto, indican que “non se pode, en aras de enerxías verdes, eliminar zonas imprescindibles para a supervivencia da contorna en toda a súa dimensión, vulnerando leis e principios que debesen blindarse”.

Oposición institucional

A oposición ao parque eólico ten chegado, tamén, a esfera institucional. Neste sentido, o BNG prepara propostas para elevar ao Parlamento da Galiza na liña das demandas veciñais. A este respecto, o deputado nacionalista, Iago Suárez denuncia, en declaracións a Nós Diario, “o escurantismo que rodea o proxecto do parque eólico Avoceta Wind que afecfa principalmente o concello de Carballedo”

Suárez sinala que “a veciñanza non dispón de información acerca dun parque que proxecta muíños a menos de 500 metros de vivendas e que ameaza a súa forma de vida”.