parlamentodegalicia.gal?

Se as previsións da asociación PuntoGal se cumpren, nos meses do verán a Galiza terá dominio propio na internet. Polo de agora o apoio da Xunta á candidatura mantense desde 2006. Porén... que pasará cando teñamos .gal? Optará o PP por practicar o falso bilingüismo harmónico, cunha convivencia entre o .es e o .gal? Ou apostará polo .gal como identidade do País, tal e como Catalunya fixo polo .cat?


"Un dominio que servirá para salientar a nivel global a existencia da nosa lingua e da nosa cultura". A valoración ofreceuna en setembro de 2005 a plataforma PuntCat, após saber que a Comisión para a asignación de nomes e números (ICANN, polas súas siglas en inglés) viña de aprobar o dominio .cat, polo que levaban máis dun ano a pular. A mesma valoración serve hoxe, oito anos despois, para explicar o que vai supor para o noso País a conquista do .gal, que chegará, con toda probabilidade e por fin, nos meses do verán. 

Malia a demora na concesión dun dominio de seu na internet, Galiza comezou a reclamar o .gal en 2004, cando se constituíu a Asociación PuntoGal canda a súa irmá catalá e catro anos antes de nacer en Euskal Herria máis unha plataforma en prol dun dominio propio para outra nación sen estado: a Asociación PuntuEus. 

De momento, o apoio da Xunta mantense desde 2006

Porén, foi o .cat o primeiro en ser recoñecido en todo o mundo, fito que se conseguiu co apoio incondicional da Generalitat e do Parlament. Neste último aprobouse, en 2008, unha resolución para que os portais en catalán das diferentes administracións públicas, incluídas as españolas, adoptasen o dominio .cat, dominio que, por suposto, adoptaron ambas as dúas institucións. 

No concreto, aquela resolución que impulsou CiU no seu día sinalaba que "O Parlament de Catalunya insta ao goberno da Generalitat a se dirixir ao conxunto de administracións públicas que interveñen no ámbito lingüístico do catalán para que adopten o dominio .cat na versión en catalán das páxinas web que estean activos ou se activen no futuro". Tamén os buscadores Google e Yahoo rexistraron este dominio, servindo de pulo para que particulares e empresas privadas con portais que albergaban contidos na lingua propia subisen ao carro do .cat

Na Galiza, a Xunta manifestou tamén o seu dispor á hora de impulsar o dominio .gal a través da Amtega (Axencia para a modernización tecnolóxica de Galiza). O convenio máis recente, asinado en marzo de 2012, estabelece que o Goberno galego "colaborará coa asociación PuntoGal para a realización de actuacións orientadas a conseguir o devandito dominio".

En vista de que dentro de pouco poderemos rexistrar xa as nosas páxinas co .gal, poderemos visitar parlamentodegalicia.gal ou xunta.gal, redireccionando en ambos os dous casos cara ao dominio propio malia teclarmos a vella dirección (acabada en .es)? Ou xogará o PP a iso do bilingüismo harmónico e permitirá a convivencia entre ambos dominios? 

Nuns meses saberemos se o compromiso asinado sobre o papel se traduce nun apoio real ao dominio que espallará a nosa lingua e a nosa cultura na inmensidade da rede, tal e como aconteceu en Catalunya, onde se colocamos gencat.es na barra de direccións navegamos directamente cara a gencat.cat

 

A outra reivincicación: o .gz

E é que, tal e como o consideran @s promotor@s do .gal, este dominio é o que corresponde á comunidade galega polos seus fortes vencellos lingüísticos, culturais, sociais e históricos. Aliás, cómpre destacar que a proposta non invalida aqueloutra reclamación dun dominio por criterios xeográficos, que nos recoñeza como País (.gz) e que tería só dúas letras. Tampouco Catalunya renunciou ao seu (.ct) 

Para optar a estes últimos o estado debe ser recoñecido polas Nacións Unidas ou por algunha das súas axencias e que o goberno que ten recoñecida a soberanía sobre ese territorio o solicite. Con todo, polo de agora as nacións sen Estado que fan parte do español deberán conformarse cun dominio propio que as recoñeza como comunidades culturais. 

Canda o .gal hai outras 83 candidaturas que representan unha comunidade, entre elas o .eus para Euskal Herria, que tamén podería ser aprobado este verán. Unha vez aprobado o noso dominio propio, calquera que se comunique en internet na lingua da Galiza ou demostre interese polo seu fomento e aprendizaxe (por exemplo, unha universidade estranxeira que oferta cursos de galego) poderá rexistrar un portal en .gal