O Parlamento pide "axilizar" os trámites para as eólicas na Galiza

Parque eólico da enerxética galega en Vimianzo. (Foto: Greenalia)
Reproches entre PP e PSOE polas "trabas" ao sector.

O PP e o PSdeG cruzáronse onte no Parlamento galego reproches mutuos por mor dos "atrasos" na tramitación de novos proxectos eólicos, mais finalmente ambas as dúas forzas apoiaron unha a outra nas respectivas iniciativas que reclamaban "axilizar" os pasos administrativos para o desenvolvemento de proxectos eólicos na Galiza.

As iniciativas, presentadas por PP e PSdeG, demandan "axilidade" na tramitación administrativa de proxectos eólicos, que ambas as forzas consideran "fundamentais" para o desenvolvemento da Galiza.

Marta Novoa (PP) lamentou que malia "multiplicarse" as solicitudes para a implantación de parques, os prazos marcados polo decreto gobernamental poñen en risco estes proxectos.

"É imprescindíbel que o Goberno estatal promova unha ampliación dos prazos que permitan sacar adiante os proxectos ben traballados", recalcou na súa intervención a deputada, cifrando en 125 as iniciativas que "poden perder" o seu permiso de conexión e acceso "polas condicións estabelecidas desde Madrid".

Pola súa parte, a deputada Begoña Rodríguez Rumbo (PSdeG) sinalou a Xunta como responsábel dos "atrasos" na tramitación dos parques eólicas. "Os atrasos débense á incapacidade de dar solucións ao sector estratéxico", manifestou, antes de apuntar que apoian a iniciativa "por responsabilidade" mais que estarán "expectantes" sobre o seu cumprimento.

"Son garantías ambientais aprobar un proxecto sen estudo de impacto ambiental en Rede Natura?", preguntouse o deputado do BNG Luís Bará, en alusión á paralización xudicial cautelar decretada pola xustiza para a ampliación do parque da serra do Iribio, na comarca de Sarria, exemplo para os nacionalistas dos erros na política eólica da Xunta. Bará acusou o Executivo galego de "levar á parálise absoluta" o sector ao recorrer o decreto eólico aprobado polo Goberno bipartito, e acusou o PP de "montar" na Galiza un "gran casino eólico" coa súa "falta de control".