O Parlamento insta á Xunta a buscar alternativas ao glifosato na conservación das estradas

[Imaxe: En Marea] Tratamento con glifosato nunha estrada.

Unha iniciativa de David Rodríguez (En Marea) para que o goberno galego estude ferramentas ambientalmente sostibles no control da vexetación foi aprobada por unanimidade na comisión de Ordenación Territorial e Medio Ambiente. Na mesma comisión, o PP e o PSdG rexeitaron as iniciativas do BNG sobre o vertedoiro das Pías (Sobrado).

"Somos coñecedores do vicio que a Administración autonómica ten na aplicación destes velenos, concretamente do glifosato, potente herbicida xenérico que a Unión Europea está a punto de prohibir e que a OMS considera como canceríxeno", dixo David Rodríguez na defensa da proposta do grupo mixto. "Reclamamos o abandono destas prácticas e a substitución por traballos de rozado mecánico, con recuperación da materia orgánica para a fabricación de compost”, subliñou.

O deputado ourensán lembrou ademais que desde o Servizo Público de Defensa Contra Incendios Forestais alertan de que o efecto que se consigue secando esta herba con veleno contribúe ao aumento da velocidade de propagación do lume, e recomendan a roza. Tamén, "informes tallantes" da Organización Mundial da Saúde e de organismos de toxicoloxía en toda Europa mostran os efectos destes produtos no medio ambiente e o alto potencial canceríxeno en mamíferos e persoas. 

A proposta foi aprobada e Rodríguez manifestou: "agora toca estar vixiantes para que se cumpra o acordo".

A iniciativa do BNG sobre o vertedoiro das Pías, rexeitada polo PP e o PSdG

Xosé Luís Rivas, Mini, do BNG, trasladou á comisión o problema ambiental que supón as 92.000 toneladas de rexeites procedentes da planta de Nostián que son depositados no vertedoiro das Pías (Sobrado dos Monxes) sen cumprir a normativa, pois a propia Xunta de Galiza determinou que estes residuos son ilegais ao sobre-pasar a carga de residuos orgánicos establecida por lei.

“Pedimos que eses rexeites sexan paralizados e que se faga cumprir a normativa”, demandou Rivas durante a defensa da proposición non de lei debatida na comisión. “Como? Moi fácil, facendo que Nostián funcione e iso significa que ten que preparar unha compostaxe decente, ben feita que poda ser utilizado como fertilizante”, argumentou.

As propostas do BNG non prosperaron polo veto do PP, que se limitou a apuntar ao concello da cidade herculina como responsable. “Pero no medio está unha veciñanza que non merece que lle se tome o pelo desta forma”, criticou o deputado nacionalista. O Bloque tamén incluía na súa iniciativa a petición de que se paralizase a prevista ampliación deste vertedoiro xestionado pola empresa Gestán Medioambiental, que proxecta a construción dun novo vaso de vertido con capacidade para 530.000 metros cúbicos. Unha proposta igualmente rexeitada tanto polo PP como polo PSOE.