Unha iniciativa do BNG

O Parlamento galego pide a redución a 4% do IVE sobre os produtos de hixiene íntima feminina

Noa Presas, autora da iniciativa

A Comisión de Economía do Parlamento galego deu luz verde esta sexta feira, por unanimidade, a unha PNL (proposición non de lei) defendida por Noa Presas (BNG).

O Parlamento insta o goberno do Estado a que reduza ao 4 por cento o IVE que pesa sobre os produtos de hixiene íntima [actualmente o gravame é de 10 por cento], ben como tamén recolle o compromiso da Xunta para promover información sobre alternativas, cun menor custo e maior duración, como a copa menstrual. O goberno galego terá que realizar un informe sobre o grao de cumprimento desta PNL.

 

Noa Presas argumentou que é "ilóxico" que “produtos para a hixiene íntima como as compresas ou os tampóns teñan un prezo tan elevado e cun mesmo IVE  que por exemplo, un ramo de rosas”, dixo. 

 

Explicou Presas que a menstruación é un proceso fisiolóxico que acompaña a metade da poboación do mundo, unha media de tres décadas ao longo dunha vida, e que, sendo así, “nunha sociedade avanzada, ter produtos para facer máis cómoda esa fase vital debería ser unha cuestión de primeira necesidade”.

 

A parlamentar manexa estimacións segundo as cais "cada muller gasta na súa vida 8.000 euros nestes produtos". Unha nova discriminación negativa que soportan as mulleres, xa abondo castigadas pola fenda salarial -4.745 euros menos ao ano do que os homes polo mesmo traballo-, ben como tamén pola maior temporalidade e precariedade laboral.