O Parlamento europeo vota contra o aborto, tamén cando a muller foi violada

[Imaxe: SG]

Os votos do Partido Popular Europeo e de Reformistas e Conservadores Europeos tumbaron a resolución da deputada portuguesa Edite Estrela en que reclamaba garantías sanitarias para as grávidas e garantías legais para @s médic@s que practiquen a interrupción do embarazo.


Con 334 votos a favor, 327 en contra e 35 abstencións, o Parlamento Europeo ratificou esta terza feira unha resolución contra os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres presentada polo Partido Popular Europeo e o grupo de Reformistas e Conservadores Europeos ou o que é o mesmo, pola dereita e a extrema dereita.

A resolución veu tumbar outra previa que fora aprobada na Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero --presidida pola deputada portuguesa Edite Estrela-- e que reclamaba garantías sanitarias para as mulleres grávidas que decidan abortar, así como garantías legais para @s médic@s que practiquen esa interrupción do embarazo.

Foi xustamente Estrela, integrante do grupo Alianza Progresista e eleita polo Partido Socialista de Portugal, quen asinou o texto en que reclamaba que todos os estados ficasen obrigados a garantir o aborto ás mulleres grávidas após seren violadas, extendendo a garantía a aqueloutras cuxa saúde ou cuxa vida se atopase "en grave risco". Edite Estrela exixía que a interrupción voluntaria do embarazo nestes supostos fose accesíbel "sen restricións de ningún tipo".

A mesma resolución pensou nas sancións a profesionais da sanidade que practiquen un aborto e demandaba que os estados se inhibisen de impor tales sancións ao entender que os dereitos sexuais e reprodutivos "das mulleres e dos homes" son "dereitos básicos que non deben ficar limitados por motivos relixiosos". 

Porén, os dous grupos parlamentares antes sinalados votaron en contra após introducir unha resolución en que sinalaban que "a formulación e aplicación de políticas en materia de saúde sexual e reprodutiva e dereitos afíns, así coma en materia de educación sexual nas escolas, é competencia dos estados membros".

"Hipocrisía" e "vergoña"

Cando soubo que a súa resolución fora refutada, Edite Estrela tildou de "hipócritas" @s eurodeputad@s que votaron contra este dereito mais que premian a activista Malala Yousafzai "por loitar polos dereitos das nenas en Pakistán".

Desde o grupo Os Verdes-Alianza Libre Europea, onde até o 9 de xullo de 2013 se integrou a eurodeputada galega Ana Miranda (BNG), destacaron que o acontecido neste último pleno "carrexou vergoña sobre o Parlamento Europeo e o seu papel de anos defendendo os dereitos das mulleres".